A Asociación de Pais de Nenos con Problemas Psicosociais disporá dos locais da Xunta en Ferrol
O Instituto Galego da Vivenda e Solo ofrecerá os locais de que dispón en Ferrol á Asociación de Pais de Nenos con Problemas Psicosociais (ASPANEPS) para o desenvolvemento da súa actividade, tal como explicou esta mañá no Parlamento a directora xeral do IGVS, Teresa Gutiérrez.
Con tal fin, o IGVS xa se puxo en contacto cos técnicos da asociación co obxectivo de estudar a forma de encaixar as necesidades da mesma nos locais de que dispón o IGVS en Ferrol e edificios de vivendas de promoción pública.
Teresa Gutiérrez indicou que a normativa que rexe o alleamento de vivendas e locais propiedade do IGVS establece que as mesmas se adxudicarán, con carácter xeral, en réxime de alugueiro ou compravenda. Pero tamén dixo que a mesma normativa posibilita a adxudicación directa de forma excepcional en casos de utilidade pública e interese social, como é o da citada asociación.
Nestes casos a adxudicación directa pode realizarse en alugueiro ou compravenda, pero tamén existe a posibilidade de cesión temporal de uso sen contraprestación económica.
Na súa intervención, a directora xeral deixou claro que o IGVS está aberto á colaboración con calquera asociación similar que o demande e, de feito, varios colectivos ocupan na actualidade locais do IGVS en diversos puntos de Galicia.
Teresa Gutiérrez tamén indicou que a Xunta xa colabora con Aspaneps a través doutros departamentos, como a Consellería de Traballo e Benestar, que en 2014 achega preto de 104.000 euros para as súas actividades.











