A Asociación de Fabricantes e Comerciantes de Mobles da Estrada presenta as súas necesidades a Cores Tourís
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, mantivo esta mañá un encontro cos representantes da Asociación de Fabricantes e Comerciantes de Mobles da Estrada, acompañado polo xefe territorial de Economía e Industria, Ignacio Rial.
Durante a reunión, departiu co presidente do colectivo estradense, Gonzalo Figueiras e con outros seis integrantes da xunta directiva da asociación, cos que abordou a situación e demandas deste importante sector da localidade, en especial, ante a crise económica e do sector da construción.
Entre os asuntos que se trataron na reunión tamén se atopaban as liñas de apoio da Administración autonómica para as empresas dedicadas ao moble, tanto no eido da innovación.
De feito, o delegado territorial animou aos empresarios do sector do moble da Estrada a internacionalizar os seus produtos e apostar pola exportación. Recordou que para este fin a Xunta de Galicia conta con interesantes liñas de axuda.
Deste xeito, Cores Tourís transmitiulles que poden presentarse a iniciativas como Export Galicia, Pexga, Primex o Cooperex. No primeiro caso, trátase dun sistema que axuda ao empresario a buscar o país que mellor se axuste ao seu produto ou servizo; no segundo, trátase de colaborar coas empresas a través de asesorías contratadas polo IGAPE en países preferentes. “Estas asesorías facilitan os trámites as empresas para a súa implantación en países como Brasil, China, Colombia, USA, Marrocos ou Rusia, entre outros”, explicou o delegado territorial.
Finalmente, o proxecto Primex achega axudas para a implantación conxunta de empresas galegas no estranxeiro mentres Cooperex é un espazo na rede para que as firmas poidan buscar marcas afíns coas que traballar fóra do noso país.
Ademais, tamén existen outras liñas de colaboración coas empresas para a posta en marcha de proxectos como subvencións a fondo perdido a partir dun investimento superior aos 200.000 euros; ou apoio a competitividade, con axudas para a mellora de procesos de fábrica ou loxística por exemplo.
O sector do moble é estratéxico para a localidade da Estrada, xa que conta con 40 empresas e máis de 500 traballadores só neste municipio.











