A asociación “Cántigas e Frores” inicia a XXXII edición do Curso de Cultura Tradicional Galega en Lugo
A Asociación Cultural “Cántigas e Frores” iniciará o vindeiro xoves a XXXII edición do Curso de Cultura Tradicional Galega que terá lugar na cidade de Lugo os días 17,18 e 19 de Abril de 2014.
Un centenar de alumnos, chegados dende lugares tan diversos como como Suiza, Pais Vasco, Illas Canarias, Castela e León ou Cantabria, ademais de toda a xeografía galega, recibirán ensinanzas sobre música e baile tradicional, e aproveitarán este curso para poder compartir experiencias no eido da cultura tradicional galega e así manter vivo un dos piares básicos da nosa identidade.
A Asociación Cultural “Cantigas e Frores” ven organizando de xeito continuado, durante os últimos 32 anos, este curso no que se ofertan ensinanzas relacionadas coa cultura tradicional galega e que dende o seu comenzo está ubicado temporalmente nas datas da Semana Santa.
Nestes últimos anos os esforzos céntranse en traer a Lugo un profesorado de calidade que suscite o interés do alumnado abarcando todos os estilos e escolas vixentes na música e baile galegos.
Nesta edición, impartiranse 4 especialidades (Técnicas de baile tradicional, de gaita, de percusión, e de canto e pandeireta) nas que se compaxinan os aspectos teoricos cos aspectos prácticos. Para impartir as aulas do curso contamos con grandes mestres de reconocido prestixio como Alberto Coya que impartirá o curso de gaita, Xurxo Fernandes, o de técnicas de canto tradicional, Francisco Estévez “Chuco”, técnicas de percusión tradicional, e Henrique Peón que impartirá o curso de técnicas de baile tradicional.
O curso terá lugar os días 17,18 e 19 de Abril de 2014 baixo a coordinación de Bruno Villamor Gay e terá o seguinte
Programa:
DÍA 17 Xoves:
09:30 A 10:00 Recepción de participantes e presentación do curso.
10:00 a 11:30 Clase práctica 16:00 a 18:00 Clase práctica
12:00 a 13:30 Clase práctica 18:30 a 20:00 Clase práctica
DÍA 18 Venres:
10:00 a 11:30 Clase práctica 16:00 a 18:00 Clase práctica
12:00 a 13:30 Clase práctica 18:30 a 20:00 Clase práctica
DÍA 19 Sábado:
10:00 a 11:30 Clase práctica 16:00 a 18:00 Clase práctica
12:00 a 13:30 Clase práctica
19:00 Acto de clausura, entrega de diplomas e Foliada
As distintas aulas desenvolverase nas instalacións da Asociación Cultural Cántigas e Frores, no auditorio Municipal Gustavo Freire e na Casa da Música, todas elas no Parque da Milagrosa. Avda. A Coruña S/N.
Os obxectivos que persegue a Asociación Cultural Cántigas e Frores coa realización do curso son por unha banda ofertar a posibilidade de que as persoas interesadas poidan recibir ensinanzas das mans dos mellores mestres nas respectivas especialidades e sempre baixo criterios de calidade e por outra banda, crear un tempo e un lugar de encontro para que as persoas vencelladas á cultura tradicional galega poidan compartir experiencias mantendo así vivo un dos piares básicos da nosa identidade.
Dende “Cantigas e Frores” pretendemos darlle continuidade no tempo e manter este curso na cidade de Lugo, xa que foi un dos primeiros de este tipo en celebrarse na península, continua organizándose de xeito periódico e ininterrumpido dende o 1982, e xa é un referente para todas as persoas relacionadas co ensino da música e do baile tradicionais.











