A área de ocio de Gabenlle incrementou o fluxo de visitantes durante a última semana
O aumento das temperaturas durante as últimas xornadas e o clima primaveral que se está a rexistrar nos primeiros días da Semana santa posibilitou que se producise un exponencial incremento no fluxo de visitantes á área recreativa de Gabenlle.
O Concello da Laracha dispón desta privilexiada zona de esparexemento a apenas cincocentos metros do casco urbano da capital municipal. Esta área de ocio sitúase xunto ao río Anllóns e dispón de todos os servizos necesarios para disfrutar dunha xornada de descanso en familia ou con amigos, estando completamente equipada, tanto para os nenos como para os adultos, con dous parques infantís, un parque biosaudable –con diversos aparellos para realizar exercicios-, amplos espazos libres, bancos, mesas, grellas, aseos e zona de aparcamento gratuíto de vehículos.
A área recreativa tamén destaca pola súa amplitude -ao contar con 15.000 metros cadrados de superficie-, vexetación autóctona e por estar emprazada fronte ao paseo fluvial do río Anllóns, moi preto dos muíños de auga do Tarrulo e Grande de Gabenlle, que foron restaurados hai poucos anos polo Concello da Laracha.
O goberno local considera unha excelente noticia o alto nivel de asistencia á área recreativa de Gabenlle, tanto por parte de veciños da Laracha como por visitantes, o que pon de manifesto as excelentes posibilidades de ocio e turísticas que ofrece o Concello tamén na zona interior, como tamén o son, por exemplo, o mosteiro de San Pedro de Soandres, a carballeira de Santa Margarida de Montemaior e o Centro de interpretación dos muíños de auga da Costa da Morte da reitoral de Golmar











