A área de Medio Ambiente de Ourense organiza visitas guiadas ao Xardín de Montealegre durante a Semana Santa
Coa intención de dar a coñecer entre a cidadanía o Xardín de Montealegre, así como desfrutar dunha actividade de ocio nun entorno tan privilexiado, a Concellería de Medio Ambiente pon en marcha durante a Semana Santa (xoves, venres, sábado e domingo) dúas visitas guiadas ao día, gratuítas para todas as persoas interesadas en asistir.
Con saídas ás 12 e as 20 h, as visitas estarán guiadas por persoal técnico cualificado, que explicará en detalle as características do Xardín, así como os puntos máis emblemáticos do pulmón verde de Ourense. Ao longo do percorrido, observaranse as especies máis representativas do bosque mediterráneo, así como a flora e as diferentes etapas de formación do bosque mediterráneo.
Na visita, poderá admirarse unha extraordinaria panorámica da cidade, á vez que se ofrecerá explicación sobre as etapas de crecemento de Ourense, e se detallará de xeito somero como se formou a cidade e como se deu pé ás particularidades do noso clima e a nosa vexetación.
O circuíto incluirá tamén a zona reservada para os magostos, coa explicación do significado dunha das festas máis representativas da nosa cidade.
Época de maior esplendor da zona
A concelleira de Medio Ambiente, Susana Bayo, describiu as visitas como unha “oportunidade excelente tanto para os turistas que se acheguen á nosa cidade nas vacacións, como para que os propios ourensáns coñezan un marabilloso espazo como é o Xardín de Montealegre”. Ademáis, polo recente comezo da primavera, “a zona atópase na etapa do ano de maior esplendor, polo que estou seguro de que todas as persoas que se acheguen pasarán un día de máximo desfrute da natureza”.
Durante estes días, o horario de apertura será continuado (de 10 a 20 h), e o horario das visitas guiadas será ás 12 e as 18 h desde o Centro de Recepción de Visitantes. Sen necesidade de inscrición previa, poden asistir todas aquelas persoas que o desexen.











