A ANPA Andaravía recibe o apoio do pleno de Brión para reivindicar a mellora do colexio de Pedrouzos
“Xa sabedes que contades co total apoio deste Goberno e agora tamén tendes o respaldo unánime do pleno municipal”. Con estas palabras o alcalde de Brión, Xosé Luís García, amosaba o apoio unánime da corporación brionesa ás reivindicacións do Colexio de Pedrouzos, expostas na sesión desta mañá por María Bragaña e Lucho Penabade, representantes da ANPA Andaravía.
Unha vez finalizada a sesión, Bragaña e Penabade deron lectura a un comunicado no que denunciaban as eivas do colexio e os seus temores diante dunhas obras de mellora que non só non se realizan senón que nin sequera se están abrindo os correspondentes procedementos administrativos para facelo. Xosé Luís García asegurou que o seu Goberno “comparte totalmente as vosas reivindicacións. Sabemos que dende a Xunta todo son boas palabras pero tamén comprobamos como o arranxo do ascensor, que tan só custa 2.100 euros, segue sen facerse. E se queremos que os arranxos se fagan no verán é preciso comezar os expedientes agora”.
Un apoio que tamén reiterou a voceira do PP, Mercedes Gloria Vázquez , quen ofreceu a colaboración do seu grupo “no que poidamos apoiar” e mesmo advertíu de que “se a Consellería non se toman as medidas necesarias, o PP encabezará a manifestación que se convoque”. Pola súa banda, o voceiro do BNG, Xesús Pena, asegurou que “compartimos a vosa proposta integramente”.
Dimisión no PP
O pleno municipal de abril comezou coa toma de coñecemento da demisión de Mónica Pato, concelleira do Partido Popular, por motivos persoais que lle impiden cumprir coas súas obrigas como concelleira. O seu sucesor aínda non se coñece, pois se indicou que varios dos integrantes da lista do PP renunciarán sucesivamente a incorporarse. O alcalde brionés agradeceu “o traballo e o bo saber estar no tempo que esivo aquí” a Mónica Pato, a quen lle desexou o mellor pois “foi un pracer traballar con ela”. Mercedes Gloria Vázquez tamén destacou o traballo realizado por Mónica Pato e desexoulle “moita sorte nesta nova etapa que vas emprender”.
Acto seguido, tomou posesión da súa acta de concelleiro polo PP Saturnino Abate, quen substitúe a María del Mar Cobas Cajuso, quen renunciou á súa acta de concelleira no mes de febreiro por motivos persoais. Deste xeito, xa presentaron a súa demisión tres dos catro concelleiros elixidos nas pasadas eleccións municipais na candidatura do PP, quedando unicamente Mercedes Gloria Vázquez, quen asumiu hoxe a portavocía do grupo en substitución de María del Mar Cobas.
Céntimo sanitario e partido xudicial
Por outra banda, o pleno aprobou por unanimide unha moción do PSOE para instar á Xunta de Galicia a que pida ante o Ministerio de Xustiza o mantemento do partido xudicial de Negreira. “É unha forma de facer inviable a Xustiza para os cidadáns. Primeiro foron as taxas, logo a supresión dos Rexistros e agora centralizar na Coruña. É un sinsentido”, explicou o alcalde Xosé Luís García.
O PP respaldou a proposta xa que “a xustiza ten que estar preto do cidadán e non é de recibo que un veciño de Brión teña que ir ata a Coruña para buscar unha partida de nacemento”, explicou Mercedes Gloria Vázquez. Pola súa banda, o voceiro do BNG, Xesús Pena, amosou o seu apoio á moción, aínda que engadíu que “persoalmente pediría tamén a demisión do ministro”.
Finalmente, o alcalde brionés anunciou que o Concello habilitou a Feiraco, entidade subministradora do combustible para os servizos municipais, a reclamar a devolución do denominado céntimo sanitario entre os anos 2010 e 2012. Unha reclamación da que aínda se descoñece a cantidade final pero que se basea sobre uns consumos duns 160.000 euros. O alcalde brionés anunciou tamén que, se finalmente a reclamación se pode realizar sobre anos anteriores, Brión así o fará.
Ademais, en resposta a unha pregunta do BNG, Xosé Luís García explicou que o Concello de Brión está tamén a estudar os erros nas facturas presentadas por Gas Natural-Unión Fenosa. De feito, a Interventora Municipal explicou que hai variacións inexplicables dun mes a outro e puxo como exemplo un incremento de 56.000 euros no consumo dos xulgados de paz nun único mes, cando o consumo do mes anterior fora de 0 euros.











