A adega Marqués de Vizhoja e Paula Vázquez presentan os novos licores da marca en Barcelona

Paula Vázquez na presentación dos novos licores
Adegas Marqués de Vizhoja escolleu o marco de Alimentaria 2014 para presentar a súa nova gama de licores, D´Vizhoja; crema de licor, licor café, augardente de bagazo, licor de herbas, brandy, anís seco, ron dominicano añejo e whisky escocés presentados en botella de 70 cl.
A actriz e presentadora Paula Vázquez, imaxe da Adega Marqués de Vizhoja desde 2005, foi a encargada de amadriñar ante prensa e bloggers os novos espirituosos, así como de dar a coñecer todos os proxectos e novidades nos que a adega galega está a traballar.
“É unha honra para min, exercer de embaixadora, en Cataluña, a miña terra de adopción, dun proxecto empresarial nacido en Galicia pero con recoñecemento internacional, e no que me consta, se traballa día a día coa paixón e esixencia dos que aman incondicionalmente o seu traballo, a súa terra, e as súas vides. Así é como funciona Adegas Marqués de Vizhoja, e como os seus responsables, Jorge e Javier Peláez trasladan a cada un dos seus produtos a súa devoción por innovar, satisfacer as necesidades do mercado e conquistar novos éxitos e padais”, declarou Paula Vázquez.
No acto, realizouse degustación dos licores D´Vizhoja, coctelería coas Pingas do Marqués a cargo do bicampión barista galego Óscar de Toro e cata da nova anada 2013 do tres viños da Adega; Marqués de Vizhoja, Torre la Moreira e Señor da Folla Verde.
Diversificación e profesionalización
D´Vizhoja, xunto con Pingas do Marqués, as monodosis de licor gañadoras da pasada edición de Innoval 2012 e de dous premios Sial D´Or, conforman a oferta licorera das Adegas Marqués de Vizhoja. A nova gama de espirituosos comercializarase tanto no mercado nacional como internacional na canle horeca e alimentación.
“D´Vizhoja nace como unha resposta natural á experiencia adquirida coa nosa primeira incursión no mundo dos destilados, e respondendo á demanda do propio mercado. Estes licores en botella, súmanse a Pingas do Marqués para ofrecer un produto etiquetado, controlado e profesionalizado a toda a canle horeca e alimentación. Queremos que o consumidor goce dun consumo que reúna todas as garantías hixiénicas e sanitarias e os maiores estándares de calidade”, afirmou Jorge Peláez, propietario de Adegas Marqués de Vizhoja.