Xunta e Concello de Neda analizan o Informe de Aprobación Inicial do PXOM da localidade

Encarnación Rivas na reunión co alcalde de Neda. Foto: A. Varela
A secretaria xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, Encarnación Rivas, reuniuse co alcalde de Neda, José Ignacio Cabezón para analizar o Informe de Aprobación Inicial do seu PXOM.
O informe que foi emitido dende a Xunta de Galicia o pasado mes de febreiro marca os axustes necesarios que debe desenvolver o equipo redactor do Plan Xeral para acadar os obxectivos que recolle a proposta do novo planeamento, centrada no crecemento do municipio e que debe cumprir os aspectos da normativa legal vixente.
Durante o encontro a secretaria xeral de Urbanismo explicou ao alcalde a importancia de avanzar neste cambios para proceder á aprobación no pleno municipal do PXOM á vez que se expoñerá ao público durante dous meses para consultas e alegacións.
A continuación, se solicitarán ás distintas administracións a emisión dos informes sectoriais: Augas, Estradas, Patrimonio, etc, cuxas determinacións serán incorporadas ao PXOM antes de ser aprobado provisionalmente polo pleno e achegado á Xunta para a súa aprobación definitiva.
Colaboración Xunta e concellos
Este encontro trátase da segunda reunión de traballo mantida entre a Xunta de Galicia e o Concello de Neda e atópase dentro dos traballos de colaboración que o Executivo autonómico ofrece aos concellos para que poidan contar cunha figura urbanística que ordene e protexa os seus territorios.
Dende a Consellería de Medio Ambiente lévase concedido ao Concello de Neda máis de 110.000 euros en concepto de axudas para a redacción do Plan Xeral de Ordenación Municipal.
Na actualidade o Concello de Neda dispón dunhas Normas Subsidiarias de Planeamento aprobadas en 1992.











