Vinte persoas inician o Curso de Coidador Sociosanitario promovido por AFAL Ferrolterra
As instalacións de AFAL Ferrolterra na rúa Río Castro de Ferrol acollen desde esta tarde o Curso de Coidador Sociosanitario de Persoas Dependentes. Unha acción formativa recoñecida de interese sociosanitario polo Sergas que puntúa de face á obtención do certificado de profesionalidade e que está acreditada pola Sociedade Galega de Gerontología e Geriatría. Vinte persoas participan na mesma.
A presidenta da entidade, Milagros Prieto, explica que o seu obxectivo é dotar aos coidadores da información, coñecementos e habilidades necesarias para desenvolver de forma eficaz o seu papel. Asimesmo, sinala que busca mellorar a autoestima dos coidadores principais e proporcionarlles información sobre recursos sociosanitarios. Organizado por AFAL Ferrolterra coa colaboración do Sergas, o curso está impartido por un equipo multidisciplinar integrado por Silvia Loureiro (logopeda), Rita Touza (psicóloga), Alba Romeu (educadora social), Noelia Ríos (terapeuta ocupacional), Iria Abad (traballadora social), Jesús Vitoria (pedagogo) e Araceli Prieto (enfermeira). De 30 horas de duración, está estruturado en dous módulos formativos.











