publicidade hoxe

Vimianzo consolida o saneamento económico durante o ano 2013

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVimianzo
A-
A+

O Alcalde de Vimianzo vén de aprobar a liquidación do exercicio económico 2013. Os resultados confirman  a boa xestión económica levada a cabo dende que entrou este goberno, consolidando unha economía local saneada, logo de atopar un concello moi endebedado, con remanente negativo, aforro neto negativo e execucións orzamentarias por debaixo do 80%, segundo os datos feitos públicos no seu momento.

 Neste senso destacan os seguintes datos da liquidación de 2013:

Remanente de Tesourería para gastos xerais de 493.979,46€
Aforro neto de 535.976,95€
Execución orzamentaria do 95%

O remanente de Tesourería vén a indicar unha xestión prudente dos recursos, que evita o despilfarro e o descontrol na decisión do gasto. Son recursos líquidos que se deben incorporar ao seguinte exercicio económico para financiar actuacións non previstas no orzamento. Por outro lado, fala da capacidade de financiamento do concello, que é excendente, e polo tanto con garantía para os pagamentos de Tesourería para o pagamento aos provedores. “Hai que lembrar que, neste senso, durante o ano 2013, o noso concello non tivo problemas de Tesourería á hora de facer os pagamentos aos provedores. Cumprimos sobradamente o obxectivo do goberno de pagar a menos de 30 días, e, por suposto, o noso concello non incorreu en morosidade, tal como consta nos informes de Intervención presentados ao Pleno”.

O aforro neto é a diferenza entre os ingresos ordinarios e os gasto ordinarios, e serve de indicador para falar da solvencia económica do concello. O seu equivalente nas economías domésticas é a diferenza entre salarios e consumos máis amortización e xuros de créditos. A cifra de 535.976,95€ dá idea desa capacidade de solvencia do concello.

En canto á execución orzamentaria, vén falar do nivel de xestión orzamentaria, e polo tanto de capacidade de levar a cabo unha acción de goberno que busca a optimización dos seus recursos. Fala, en si mesma, do dinamismo da acción de goberno, que, como se ve, se mide nun grao moi alto, do 95%, o que significa levar a cabo unha acción nun marco orzamentario que se executa na práctica totalidade.

A Intervención municipal destaca no seu informe o cumprimento do obxectivo de estabilidade orzamentaria, o obxectivo da débeda pública e a regra de gasto. Ao tempo se indica que o nivel de endebedamento está por debaixo dos límites normativos.

O Alcalde manifesta a satisfacción polos resultados, porque “unha boa xestión municipal conleva unha boa xestión económica”. Ademais, tamén considera que “os recursos públicos gastáronse ben, en beneficio da cidadanía de Vimianzo, pero tamén inxectando liquidez sen demora nos provedores e empresarios locais”. O resultado débese a un goberno que actúa con racionalidade e optimización do gasto público, procurando utilizar ata o último euro en beneficio dos servizos municipais, e pensando sempre no interese público e dos seus veciños e veciñas”.

Outro dos aspectos a destacar é a minoración da débeda pública que supón un 25’92% do orzamento, e que no exercicio 2013 rebaixamos cunha amortización anticipada de máis de 30.000€ no crédito para o pagamento da sentenza da Casa de Cultura. A data 31 de decembro a cantidade que o concello de Vimianzo debe aos bancos, en diferentes créditos, é de 1’5 millóns de euros, que se prevé reducir en 2014 a 1’17 millóns de euros.

O aspecto máis negativo do exercicio 2013 foi o impedimento da oposición a incorporar o Remanente de  Tesourería de 2012 para gasto xerais por preto de 150.000€. Isto vai limitar a capacidade do concello para gastar en 2014, polo Teito de gasto que por lei se calcula en función do gasto de 2013.

“Este resultado económico vén evidenciar a mentira de quen fala dun goberno paralizado. Á vista está que este goberno impulsa moitas accións en beneficio da cidadanía, e con axilidade e dinamismo. Noutro caso o resultado orzamentario sería moi distinto.” Vén dicir o alcalde.

Neste bo escenario o goberno municipal anuncia que vai presentar un proxecto de orzamentos para o ano 2014, que levará proximamente ao Pleno. “Espero que a oposición non boicotee a aprobación do orzamento, vistos este resultados da liquidación de 2013”, di Manuel Antelo.

15 de marzo de 2014 | 18:33 • Sen comentarios

Comentarios pechados.