Vigo acolle a xornada “A exención parcial do imposto eléctrico para as empresas do sector metalúrxico”

PUBLICADO EN: Noticias de Galicia ► Vigo ▼
A-
A+

A Asociación de Industriais Metalúrxicos de Galicia (ASIME) celebrou hoxe a xornada “A exención parcial do imposto eléctrico para as empresas do sector metalúrxico”, co obxecto de profundar na análise desta normativa fiscal e no método de aplicación entre as empresas metalúrxicas.

O obxecto da xornada foi coñecer as principais características da exención do imposto eléctrico e toda a información necesaria para a xestión da súa concesión. Esta exención, que busca paliar os efectos da subida do custo da enerxía en España dos últimos anos, pode supor aforros moi significativos en empresas de alto consumo enerxético. Por iso, trátase dun tema de gran actualidade e interese para as empresas de sectores altamente consumidores de enerxía, como é o sector metalúrxico e, especialmente, para as industrias metalúrxicas de automoción, construción naval, aluminio e metalmecánica.

Durante a xornada contouse coa intervención de José Antonio Gil do Campo e de Iria Pérez Valcarce, Socio do despacho de avogados J& A Garrigues e Asociada Senior da área Fiscal do Despacho Garrigues en Vigo respectivamente, así como de Juan Sanjorge, Delegado de Nexus Enerxía en Galicia. Os relatores explicaron a metodoloxía e a aplicación práctica da Lei 16/2013, de 29 de outubro, que establece determinadas medidas en materia de fiscalidade ambiental.

ASIME, como organización sectorial representante da industria metalúrxica galega, destacou o seu interese en continuar apoiando ás empresas na redución dos seus custos enerxéticos e no incremento da eficiencia dos seus procesos produtivos desde o seu Departamento de Compras e Aprovisionamentos. Enrique Mallón, portavoz de ASIME, declarou que “desde a Asociación estamos a intensificar todas aquelas xestións que poidan axudar ás nosas empresas a reducir os custos de produción e, entre eles, representa un capítulo destacado o consumo enerxético. Valoramos positivamente esta exención e estamos a apoiar ás empresas para obtela no menor tempo posible”.

Asime conta na actualidade con 800 empresas integradas das actividades de automoción, construción e reparación naval, aeronáutica,  metalmecánica, construcións e estruturas metálicas, aluminio: extrusión e carpintaría, instaladores de telecomunicacións e equipos, subministracións comerciais e outros afíns.

5 de marzo de 2014 | 18:50 • Sen comentarios

Comentarios pechados.