Verín recibe o premio ao mellor stand da Feira do Lázaro 2014

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVerín
A-
A+

O Concello de Verín convoca o premio ao mellor stand participante na Feira do Lázaro e Certame Gastronómico “Vila de Verín”, que terá lugar durante os días 05 e 06 de abril no Pavillón Municipal de Deportes da localidade.

O obxectivo do premio, que consiste nunha noite en réxime de aloxamento e almorzo, para dúas persoas, no Parador de Turismo de Puebla de Sanabria -outorgado polo establecemento verinense desta cadea hoteleira- e un diploma acreditativo, é recoñecer o esforzo creativo de cada participante co fin de conseguir unha montaxe atractiva para a exposición e venda dos produtos. Nesta ocasión, o xurado cualificador, composto por representantes de organismos públicos e privados, terán en conta os seguintes aspectos: creatividade, orixinalidade no deseño, presentación do stand e dos produtos, selección de materiais empregados e disposición de espazos (cada categoría valorarase de 0 a 10 puntos).

Na Feira do Lázaro participarán un total de setenta stands procedentes de varios puntos da xeografía española e do Norte de Portugal. Artigos confeccionados en pel ou madeira, licores, aceites, mel, queixos, doces artesanais, produtos de fumeiro, xabóns artesanais, encaixe de bolillos, pintura ou bisutería serán algúns dos produtos que poderán descubrir e adquirir todos os visitantes que se acerquen ao Pavillón Municipal durante as dúas xornadas da feira, con acceso gratuíto e un horario de 10 a 14 e de 16 a 21 horas (o sábado o recinto ferial amplía a súa apertura ata ás 22 horas).

Este evento está organizado polo Concello de Verín e patrocinado por: Eurocidade Chaves-Verín, Plan de Competitividade Puertas de Galicia, Inorde, Deputación Provincial, Xunta de Galicia, Gadis, Cabreiroá, Construcciones Hnos. Carrajo, D.O. Monterrei, Saroni, Socitransa, Parador de Turismo de Verín, Pirotecnia Xaraiva, La Caixa, Caja Rural de Zamora, Estradas Galegas SL, Espina & Delfín, Rótulos Losada, MRW, Esinor, AEVER-CCU Verín e AEHCOM.

28 de marzo de 2014 | 13:01 • Sen comentarios

Comentarios pechados.