Velas e cervexa converteranse en protagonistas nos vindeiros ‘Tempos para compartir’ en San Sadurniño
O programa Tempos para compartir posibilita que calquera persoa lles mostre aos demais os seus saberes e habilidades. Ademais, este proxecto do departamento de Igualdade tamén busca promover as relacións veciñais entre as parroquias. Para colaborar no Tempos….abonda con pasar polas oficinas do Concello ou contactar coa axente de Igualdade a través do teléfono 981490027.
O próximo obradoiro será o sábado 5 de abril no Camiño Arriba. Mª Isabel Castrillón, veciña de San Sadurniño, ensinará a partir das cinco da tarde como podemos converter simples candeas en auténticas obras de arte coas que darlle un toque de distinción a un centro de mesa.
En maio, cervexa “da casa”
E para o sábado 10 de maio xa hai convocado outro Tempos para compartir. Desta vez desenvolverase no local social da Veiga, en Naraío, a partir das catro da tarde. Miguel Soto e Elías Sixto ensinaranlles ás persoas asistentes a facer cervexa artesanal. Si, si, facer cervexa igual que se fai sidra ou viño, aínda que coa diferenza de que o proceso é algo máis complexo e precisa de máis ingredientes.
Tanto Miguel como Elías son auténticos mestres cervexeiros. Xa hai varios anos que empezaron a experimentar coas fermentacións cun sinxelo kit caseiro. A afección foi a máis e tamén evolucionou a súa técnica ata conseguir unha bebida certamente exquisita. Recentemente os dous viaxaron a Madrid para participaren no II Concurso Homebrewer EJDL, onde Elías conseguiu o terceiro premio na categoría de estilos xermanos cunha Munich Dunkel que el denominou “Riola”.
Para participar neste Tempos para compartir haberá que facer a inscrición antes do 21 de abril. Ofrécense 25 prazas que se irán cubrindo por orde e dándolle prioridade ás persoas empadroadas no concello.











