Uxío Regueiro, do Oroso TM, acada o podio no XII Torneo Estatal de Tenis de Mesa

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDeportesDeportes PortadaOroso
A-
A+
Equipo de tenis mesa de Oroso

Equipo de tenis mesa de Oroso

O Concello de Oroso felicita a Uxío Regueiro polo seu podio no XII Torneo Estatal de Tenis de Mesa, celebrado entre o 28 de febreiro e o 2 de marzo en Valladolid. Un torneo no que tomaron parte os 620 mellores xogadores de toda España e onde o Oroso TM conseguiu clasificar a 9 xogadores das distintas categorías base.

De entre eles destacou Uxío Regueiro, que alcanzou as semifinais na categoría Infantil Masculina, logrando así subir ao podio e confirmándose no 4º posto do Ranking Nacional, o que lle permitirá participar no “Top 10 Nacional” o próximo mes de maio, un torneo onde xogarán os 10 mellores palistas de España na busca de clasificarse para o Campionato de Europa. Regueiro repite así o podio acadado en 2012 no X Torneo Estatal de Tenis de Mesa, celebrado en Guadalajara.

O concelleiro de Deportes, Luís Rey Villaverde, felicita a Uxío Regueiro polo seu podio na categoría Infantil Masculino e destaca “o traballo que está a realizar o Oroso TM cos nenos e nenas de Oroso, pois foi quen de clasificar a 9 xogadores entre os mellores de toda España ao tempo que están a piques de conseguir xogar a fase de ascenso á Súperdivisión”. Ademais do mencionado podio de Uxío Regueiro, Silvia Álvarez e Sara Martínez chegaron aos oitavos de final da categoría Infantil Feminino, situándose entre as 16 mellores xogadoras de España. Tamén completaron unha boa actuación Javier Obelleiro e Carlos Domínguez (sub 23 masculino), Belén Díaz (sub 23 feminino), Saleta López (xuvenil feminino), Alexandre Iglesias (alevín masculino) e Abril González (benxamín feminino).

Por outra banda, o polideportivo de Sigüeiro acollerá este sábado 8 de marzo, ás 11:00 horas, o encontro da División de Honra Masculina entre o Oroso TM Deporte Galego e o Gabitec de Ceuta. Un encontro no que os locais se xogan a terceira praza da clasificación da División de Honra, a última que dá dereito a disputar a fase de ascenso á Superdivisión.

3 de marzo de 2014 | 17:55 • Sen comentarios

Comentarios pechados.