Uns oitenta mozos participan este venres en Teo na Fase Comarcal do Club de Debate
Cando estás no instituto tes máis obrigas ca estudar e pasalo ben? Esta é a pregunta que se lle presenta aos participantes da fase comarcal de Santiago do Club de Debate. A xornada de debate celébrase este venres en Teo dende as 09:00 horas ata as 21:00 horas cando se fará a entrega de premios.
Durante esta intensa xornada 9 equipos de institutos de Teo, Carballo, Ames e Santiago, terán que argumentar a favor e en contra do tema proposto. Esta fase do Club de Debate conta coa participación de case 80 rapaces/as, sendo esta terceira edición a de máis alta participación. Estarán un equipo do IES de Cacheiras, dous do IES Antonio Fraguas e un do Rosalía de Castro de Santiago, un do IES Isidro Parga Pondal de Carballo e catro equipos de Ames, tres do IES Plurilingüe de Ames e un do IES de Milladoiro.
Durante estes días xa se estivo preparando o salón de plenos do Concello de Teo para recibir a oradores distintos dos que ocupan as sesións plenarias todos os meses. Esta mesma mañá a concelleira, Carme Hermida, supervisou estes traballos. Este ano a xornada retransmitirase por streaming a través dun banner na web municipal www.concellodeteo.com. Deste xeito calquera persoa poderá seguir os debates ou mesmo nos centros escolares poderán ver ao alumnado participante.
O Club de Debate é unha iniciativa dos equipos de normalización lingüística municipais. Con este exercicio que chega este ano á terceira edición preténdese fomentar e dinamizar o uso do galego entre a mocidade.
Esta terceira edición está organizada por oito Concellos: Teo, Carballo, Ferrol, O Carballiño (novidade este ano), Pontevedra, Rois, Santiago e Ames. Desenvólvense catro fases comarcais, clasificándose dous equipos en cada unha que pasan á fase final. Este ano a final celébrase en Ferrol o 26 de abril e o tema elixido é Pódese vivir en galego.











