Uns mil atletas participarán na VI Carreira Popular Concello de Monforte

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDeportesMonforte de Lemos
A-
A+

A VI Carreira Popular Concello de Monforte celebrarase este domingo día 30 de marzo coa participación dun total de 1.056 corredores/as entre as categorías menores e absoluta, 78 máis que na edición do ano 2013 no que a cifra total foi de 978 atletas.

A carreira para as categorías menores, con tres distancias diferentes segundo a idade dos/das corredores/as, comezará ás 11:00 h. coa participación de 426 atletas, 67 máis que na V edición da proba.

O circuíto das probas para as categorías menores localizarase na zona da Compañía, Dalmiro de la Válgoma e Escultor Francisco Moure.

A carreira absoluta, que comezará ás 12:00 h. sobre unha distancia de sete quilómetros, rexistrará a participación de 630 atletas, 11 máis que o ano pasado.

O percorrido comeza na liña de saída, fronte ó bar Cristal, e continúa por Paseo de Lugo – rúa Carude – estrada de Sober ata a Escola Taller onde se fai un xiro de 180 º e se volve pola estrada de Sober dirección San Lázaro – Rúa San Lázaro – Rúa Reboredo – Rúa Dalmiro de la Válgoma – Rúa Escultor Francisco Moure e novamente liña de saída, así ata completar dúas voltas ó percorrido e rematar na liña de meta ubicada na Praza da Compañía.

Os pequenos e pequenas que participen na categoría “biberón” poderán inscribirse xusto antes do comezo da súa proba, que se iniciará ás 11:00 h, co cal o número final de atletas podería incrementarse. O número de corredores/as que toman parte nesta proba vai incrementando conforme se suceden as diferentes edicións, superando este ano, por primeira vez o milleiro de atletas.

A Carreira conta coa colaboración de Gadis e Xoiería Camilo, e o patrocinio da Vicepresidencia Primeira da Deputación Provincial de Lugo e do GDR Ribeira Sacra.

A Policía Local efectuará cortes parciais e temporais das rúas segundo as necesidades da carreira e o discorrer da mesma, intentando que a proba atlética interfira na menor medida posible sobre a circulación do tráfico rodado na cidade e garantindo, en todo momento, a seguridade dos atletas participantes.

Dende o Concello invítase á cidadanía a presenzar esta importante proba atlética e a animar a tódolos atletas que tomen parte nela.

28 de marzo de 2014 | 16:50 • Sen comentarios

Comentarios pechados.