Uns 375 escolares da Coruña participan na celebración dos días da Árbore, do Mar e da Auga

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+

O Concello da Coruña, a través da Concellaría de Medio Ambiente, informa de que, durante toda esta semana, até o vindeiro venres 21 de marzo, un total de 375 escolares coruñeses de Primaria participarán nas actividades que o departamento que dirixe Enrique Salvador deseñou con motivo da celebración dos días da Árbore, do Mar e da Auga.

Até o xoves, casa da auga acolle, en horario de 10.00 a 12.15 horas, unha serie de actividades que pretenden concienciar aos máis pequenos sobre a importancia da sustentabilidade e de practicar unha convivencia en harmonía e igualdade tanto coas persoas como coa natureza. Trátase de que comprendan que o compromiso individual repercute tanto no presente como no futuro, para manter e legar un medio ambiente san.

Desta forma, proponse actividades concretas que, a través de xogos, informarán e concienciarán aos escolares sobre temas como os espazos verdes na cidade, as funcións das árbores na Coruña, o medio mariño, a pesca sustentable e os diferentes tipos de pesca, a auga e o proceso de potabilización ou a reutilización de residuos. De feito, os participantes terán a oportunidade de construír unha minipotabilizadora ou plantar unha semente dunha árbore nun invernadoiro realizado a partir dunha botella de auga baleira.

As actividades finalizarán o venres, 21 de marzo, día da Árbore, con actividades que se desenvolverán no parque de Santa Margarita, entre as que destaca a plantación de 15 carballos por parte dun grupo de alumnos.

18 de marzo de 2014 | 10:43 • Sen comentarios

Comentarios pechados.