publicidade hoxe

Uns 100 cativos do CPI Ponte Carreira conmemoran o Día da Muller con teatro, charlas e unha xincana

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFrades
A-
A+

Preto de cen nenos e nenas de infantil, primaria e secundaria do CPI Ponte Carreira participaron esta semana en tres actividades organizadas polo Concello de Frades para conmemorar o Día da Muller. Unhas actividades nas que o Concello de Frades contou coa colaboración da Deputación da Coruña e dos mestres e da Dirección do CPI Ponte Carreira.

As actividades programadas eran diferentes para cada grupo de idade pero todas elas tiñan un obxectivo común: concienciar aos nenos e nenas de Frades sobre a necesidade de vivir nunha sociedade baseada na igualdade de oportunidades entre homes e mulleres. Así, os nenos e nenas de Frades aprenderon que a igualdade de oportunidades é un piar fundamental dunha sociedade xusta e democrática; e que, aínda que se conseguiron numerosos avances, aínda queda moito camiño por andar.

Teatro, xincana e charla

Aos máis pequenos a mensaxe chegoulles a través dunha representación teatral, denominada “As cores”, na que un grupo de actrices lles explicaron as historias das cores e das razóns que motivaron que o azul fose definido como unha cor de nenos e o rosa unha cor de nenas. Ademais, chamaron a súa atención sobre que a fusión de ambas cores dá o lila, que é o tradicionalmente utilizado na loita contra a violencia de xénero.

Unha hora máis tarde tivo lugar unha das actividades máis divertidas: unha “Xincana pola igualdade” na que os rapaces e rapazas de primaria puxéronse a realizar distintas tarefas no fogar. Nelas, todos os nenos e nenas tiveron que facer de todo, polo que puideron comprobar que non hai tarefas de mulleres nin tarefas de homes; e que tal e como unha muller pode colocar unha lámpada igual de ben e de rápido ca un home, igualmente un home pode facer as camas ou varrer a casa.

A xornada rematou cunha charla sobre “A muller na historia”, dirixida a alumnos e alumnas de Secundaria, na que se lles explicou a orixe da celebración do Día da Muller e se lles respondeu a distintas dúbidas sobre a igualdade de xénero.

 

14 de marzo de 2014 | 19:59 • Sen comentarios

Comentarios pechados.