Unhas xornadas da xefatura territorial de Sanidade en Ourense analizan o estado das piscinas e zonas de baño da provincia
Preto de cincuenta persoas, entre alcaldes, xestores e técnicos municipais responsables da xestión de piscinas e zonas de baño da provincia de Ourense, participaron nunhas xornadas que analizaron os requisitos estruturais, documentais e hixiénicos sanitarios esixibles nas piscinas de uso colectivo e zona de baño, organizadas pola xefatura territorial da Consellería de Sanidade.
Os participantes asistiron a este acto co fin de obter a formación e información necesaria para unha correcta xestión de piscinas e zonas de baño. Así, ao longo da conferencia impartida pola xefa de sección de Sanidade Ambiental, Belén Vila, analizáronse os requisitos necesarios para manter as condicións hixiénico sanitarias e a calidade da auga nos vasos das piscinas de uso colectivo, así como para xestionar as aperturas e mantementos de acordo coa normativa vixente das zonas de baño censadas na provincia ourensá.
O delegado territorial da Xunta, Rogelio Martínez, explicou que a organización destas xornadas -que só se celebran na provincia de Ourense- ten como obxectivo a resolución das dúbidas de interpretación ou aplicación que podan ter os responsables municipais en relación coa xestión de piscinas ou zonas de baño, para evitar a detección de incumprimentos susceptibles de supor un risco para a saúde da poboación e de constituír unha infracción sanitaria.
Martínez lembrou que os inspectores de Saúde Pública traballan para garantir o cumprimento das normas, detectar as deficiencias e esixir a adopción das medidas necesarias para solventalas. Segundo indicou o delegado territorial, a temporada pasada a xefatura territorial de Sanidade controlou 23 zonas de baño, das que 8 resultaron de calidade excelente, 8 boa, 5 suficiente e so unha obtivo a cualificación de insuficiente. Ademais, en 2013 tamén se controlaron na provincia de Ourense 93 instalacións de piscinas con máis de 160 vasos.
Plan Vixilancia dos factores de risco ambiental
Este tipo de xornadas están organizadas seguindo as pautas do Plan de Vixilancia dos factores de risco ambiental para a Saúde. Este Plan ten como principal obxectivo a redución da exposición da poboación a niveis posibles e aceptables aos factores de risco ambiental para reducir a súa incidencia e a prevalencia a niveis mínimos posibles e aceptables. Ademais, tamén busca a vixilancia sanitaria do cumprimento das normas e requisitos de aplicación nos prestadores de servizos, de xeito que se garanta a seguridade das instalacións e os produtos e servizos que prestan ou ofertan á poboación.











