Unhas 30 persoas impiden a lectura do discurso do rexedor de Ferrol no Día da Clase Obreira Galega

Apupos durante o acto institucional en Ferrol
Os apupos dun grupo dunhas 30 persoas impediron ao alcalde de Ferrol, o popular José Manuel Rey Varela, dar lectura ao seu discurso durante o acto institucional do 10 de marzo, Día da Clase Obreira Galega, que o Concello realiza de forma tradicional e no que tamén participan os sindicatos CC OO, UGT e USTG.
Os manifestantes portaban carteis nos que se lía a frase “fose a dereita da clase obreira”, que tamén foi repetida nos seus cánticos, no momento no que o alcalde de Ferrol tomou a palabra no acto, que se desenvolvía ante no barrio de O Inferniño ante o monumento a Amador e Daniel, os dous traballadores do sector naval que foron abatidos a tiros pola policía en 1972 durante protestas polo seu convenio laboral.
Con bandeiras republicanas e do Partido Comunista, os participantes na protesta, algúns con adhesivos de CC OO, mantiveron os seus apupos durante todo o acto, que durou apenas cinco minutos, e impediron que o alcalde dese lectura ao seu discurso.
“Amador, Daniel, a loita continúa”, “os asasinos fostes vós” e “o PP, dereita fascista,”, foron algunhas das consignas repetidas polos manifestantes, mentres que os representantes tanto da corporación municipal coma de CC OO e UGT continuaban coa colocación das flores aos pés do monumento. O acto finalizou co himno galego. Dúas persoas colocáronse en fronte do rexedor ferrolano cos puños en alto.
Finalmente, o rexedor ferrolano abandonou o lugar sen realizar declaracións.
PARTICIPACIÓN SINDICATOS
Pola súa banda, o secretario xeral de CC OO en Galicia, Xosé Manuel Sánchez Aguión, defendeu a participación do sindicato no acto institucional, por ser realizado polo “Concello” e “as forzas políticas que a cidadanía decidiu”.
“Non avalamos ningunha forza política é o Concello o que fai este recoñecemento, algo polo que o movemento sindical vén pelexando para que o 10 de marzo tamén teña o seu recoñecemento nunha sociedade madura e democrática”, concluíu.
En referencia á celebración do 10 de marzo, recordou que 42 anos despois se está a reivindicar “o mesmo”, nun “contexto de liberdades restrinxidas” no que “a anunciada lei de seguridade cidadá pretende reprimir a protesta social”. Así, engadiu que “42 anos despois estamos a loitar non só por condicións laborais dignas senón para que se desenvolvan nun marco de liberdade” fronte “ao Ministro da represión social” que “pretende mudar as regras de xogo, entre elas, a lei de folga”.
Cesáreo Fraga, representante comarcal de UGT, sinalou que, aínda que non comparte as protestas que se produciron no acto, as “entende” ante a “dramática situación” da bisbarra, se ben defendeu a participación do sindicato nun “acto institucional do pobo de Ferrol”, cun Concello que “agora é do PP, pero mañá pode ser de IU ou do BNG”.
Para Cesáreo Fraga a situación actual é moi similar á de hai 42 anos, con similares problemas laborais, de “vivenda e créditos” e afirmou que “cunha máquina do tempo alguén podería non saber se estamos no 72 ou no século XXI”.
Os sindicatos CC OO, UGT e USTG realizarán a súa manifestación en Ferrol, a central das previstas en Galicia, con saída ás 19,30 horas dende o monumento ao 10 de marzo. Finalizará ante o Concello na praza de Armas.











