Unha moderna praza de abastos renovará, cun investimento de 72.000 euros, a fachada marítima de Cambados

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCambadosPontevedra
A-
A+

O alcalde, Luis Aragunde, e o presidente da Deputación provincial, Rafael Louzán, asinaron o convenio para a contratación do proxecto de execución da nova praza de abastos que permitirá renovar a fachada marítima de Cambados centro. Este proxecto custará 72.000 euros e servirá para levar a cabo unha moderna edificación que rondará os 4 millóns de euros de investimento.

Alcalde e presidente coincidiron en salientar este proxecto como “un dos máis importantes que se afronta en Cambados nos últimos tempos”, non só dende o punto de vista social e comercial, senón tamén como dinamizador do turismo e da economía cambadesa, mesmo coa creación de novos postos de traballo.

O alcalde agradeceu a decisiva participación da Deputación provincial neste gran proxecto, así como o impulso  da ministra de Fomento, Ana Pastor, que vai aportar a dotación económica máis elevada para o financiamento, xunto coas consellerías de Industria e do Mar e Medio Rural. En breve asinarase o convenio entre as catro administracións implicadas no proxecto e as obras poderían comezar no último trimestre deste ano.

Este é un proxecto da máxima prioridade para o Concello, pois servirá como revulsivo para o comercio local. A mellora das condicións da praza, cun edificio funcional e operativo, ampliará e modernizará os servizos, o que redundará en beneficio das 70 vendedoras e mais dos clientes que a elixen para as súas compras. Ademais, suporá un impulso para o sector do mar que vende un alto porcentaxe das súas capturas na praza cambadesa.

Nas flamantes instalacións vaise procurar unha optimización das condicións de traballo, unha ampliación dos horarios, que inclúe a apertura polas tardes, e unha mellora significativa dos servizos, como espazos destinados á degustación de produtos, ou a ludoteca, a cal acollerá os nenos mentres pais e nais efectúan as compras. Preténdese que sexa un edificio referencial, que poida servir como atractivo turístico nun contorno moi fermoso pola proximidade do paseo marítimo.

Para edificar a nova praza, vanse derrubar os dous edificios posteriores, unha vivenda particular e a lonxa vella. Sobre esta superficie vaise traballar, de maneira que o derrube da actual praza posponse ata que rematen os traballos de construcción. Xa que logo non será preciso un asentamento provisional mentres se desenvolven as obras. O derrube do edificio actual permitirá retranquear a nova fachada, deixando expedita unha grande praza pública lindante coa avenida de Galicia, a principal arteria comercial de Cambados. 

Coa flamante praza de abastos recupérase unha zona bastante degradada, e complétase a renovación dos edificios históricos na fachada marítima, xa que anteriormente rehabilitouse a sede da Confraría de Pescadores San Antonio e maila da veterana Sociedade Cultural.

Xuntanza en Fomento

O pasado mes de xaneiro, A ministra de Fomento, Ana Pastor, coordinou unha xuntanza do alcalde de Cambados, Luis Aragunde, coa directora general de Arquitectura, Pilar Martinez, e técnicos do seu departamento para concretar prazos e xestións cara a contratación e construcción da nova praza de abastos. Na reunión no ministerio, quedou sentado que o obxectivo de Fomento, do Concello e das outras administracións implicadas consiste en lograr que as obras comecen ó longo do presente exercicio. Fomento dalle prioridade á praza de abastos de Cambados, ó ser unha das obras máis importantes das que acomete neste 2014.

 

27 de marzo de 2014 | 20:22 • Sen comentarios

Comentarios pechados.