Unha achega de 120.000 euros da Xunta permite potenciar e mellorar a praza de abastos de Tomiño

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaPontevedraTomiño
A-
A+
Cores Tourís na visita á praza de abastos de Tomiño

Cores Tourís na visita á praza de abastos de Tomiño

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, visitou esta mañá, en compaña da alcaldesa de Tomiño, Sandra González, a praza de abastos desta localidade, aproveitando para destacar o investimento levado a cabo nela para a súa modernización así como a importancia de promover actuacións que fagan o comercio de proximidade máis atractivo e competitivo. 

O delegado territorial salientou que está aberta unha nova convocatoria do programa de axudas por máis de 3 millóns de euros, promovido pola Consellería de Economía e Industria, para apoiar aos concellos galegos na potenciación dos mercados e prazas de abastos e impulsar a competitividade do comercio de proximidade, dentro da estratexia específica da Xunta de apoio ao sector comercial como unha das claves para a reactivación da economía das vilas e cidades galegas.

Ao abeiro da anterior convocatoria foron 25 os concellos da provincia pontevedresa que resultaron beneficiados por estas axudas que supuxeron un investimento de 1,5 millóns para a provincia de Pontevedra, “o que significa o 32,5% do total”, destacou o delegado territorial.

O concello de Tomiño destinou a achega cifrada en 270.000 euros, dos que 120.000 procederon da achega da Consellería de Economía e Industria á adecuación e modernización da praza de abastos desta localidade, que conta con 65 postos de venda.

En concreto, os traballos no mercado municipal supuxeron a reparación da cuberta para evitar a conseguinte entrada de auga no interior do edificio e liberando a estruturas de cerchas da cuberta do falso teito; a instalación de dos lucernarios que melloren as condicións de iluminación do recinto; a reparación dos buratos da fachada; o cambio de ventás e portas, e finalmente a instalación dunha varanda da planta alta.

A alcaldesa aproveitou a visita do delegado territorial para presentarlle a segunda fase de reforma da praza de abastos que o concello ten previsto presentar á próxima orde de axudas. O obxectivo sería mellorar a planta baixa do inmoble.

Cores Tourís indicou que o comercio é un motor da actividade local e destacou que mediante a convocatoria de apoios recentemente publicada, e cuxo prazo de presentación de solicitudes permanecerá aberto ata o vindeiro 21 de abril, os municipios poderán optar a axudas para a modernización dos mercados de ata 150.000 euros, un 25% máis que na anterior convocatoria, co obxectivo de consolidar as prazas de abastos como líderes na venda de produto fresco e de calidade.

Asesoramento aos praceiros

Como novidade, os concellos que queiran desenvolver estes proxectos de mellora, que poden incluír ademais da remodelación da estrutura física e das instalacións de uso comunitario dos mercados actuacións para a redución do consumo enerxético ou dos residuos xerados, entre outros, deberán poñer en marcha iniciativas dirixidas ao mentoring comercial aos praceiros. Estas actividades de formación e asesoramento, que se apoiarán cunha axuda máxima de 1.800 euros, estarán encamiñadas a aumentar a rendibilidade do punto de venda mediante técnicas de visual merchandising, a colocación do produto ou a atención ao cliente.

O delegado territorial explicou que con este programa, a través do cal se levan concedido apoios a 194 concellos galegos nos últimos cinco anos, a Xunta reforza a súa colaboración cos municipios nun ámbito no que as súas actuacións resultan imprescindibles, tanto pola súa proximidade co comerciante como polo seu coñecemento directo do comercio local.

Neste sentido, apóiase con ata 3.000 euros a posta en marcha de actuacións de dinamización e promoción de vendas por parte dos concellos nas prazas de abastos, así como nos principais eixos comerciais dos concellos de menos de 20.000 habitantes. Ademais, estes municipios máis pequenos poderán optar a axudas de ata 30.000 euros para adecuación física ou mellora de espazos destinados a mercados tradicionais e ambulantes de apertura periódica.

As axudas do programa alcanzan con carácter xeral o 75% dos investimentos apoiables, primándose os proxectos de xestión compartida cun incremento dun 15% na porcentaxe subvencionable no caso das solicitudes presentadas conxuntamente por varios municipios.

31 de marzo de 2014 | 16:33 • Sen comentarios

Comentarios pechados.