Un total de 44 xóvenes do IES Oroso participaron nun obradoiro para achegarse ao voluntariado

Participantes no obradoiro de voluntariado
Medio cento de mozos e mozas de 4º da ESO do IES Oroso recibiron esta mañá os diplomas de participación no obradoiro “Voluntariado e Participación”, organizado pola Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado e o Concello de Oroso dentro do programa Activa 2013. Uns diplomas que foron entregados polo director xeral de Xuventude e Voluntariado, Ovidio Rodeiro; polo concelleiro de Ensino e Mocidade, Antonio Leira; polo concelleiro de Deportes, Luís Rey; e pola directora do IES Oroso, Ana Coiradas.
Este curso abordou, entre outras materias, os dereitos e deberes dos voluntarios, os diferentes perfís e tipos de voluntariado e a importancia da certificación da acción voluntaria nos currículos. Unha iniciativa na que participaron un total de 44 alumnos de 4º da ESO do IES Oroso, de entre 16 e 18 anos de idade.
O concelleiro de Ensino e Mocidade, Antonio Leira, destacou que “o voluntariado vai collendo forza no concello de Oroso e xa hai moitas persoas que se benefician diso”. Por iso, convidou aos mozos e mozas de Oroso a seguir con iniciativas como os mercadiños solidarios que organizaron o pasado Nadal: “sodes quen de facer o que vos propoñades”. Ademais, agradeceu a colaboración da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado e, de xeito persoal, de Ovidio Rodeiro porque “facedes un labor moi importante, deses que moitas veces non se vén pero que son traballo do día a día e os resultados veranse co tempo”.
Formación de 1.000 mozos
O programa de Voluntariado Xuvenil da Consellería de Traballo e Benestar beneficiou desde que se creou en 2011 a máis de 1.000 mozos e mozas de toda Galicia. A iniciativa seguirá a impulsarse este ano, cun orzamento de 440.000 euros, un 17% máis que en 2013. Ovidio Rodeiro animou aos mozos e mozas a participar no programa do Servizo de Voluntariado Xuvenil, que consiste na súa incorporación como voluntarios ás entidades, concellos e mancomunidades que están inscritos no Rexistro de Entidades de Acción Voluntaria. Serán subvencionables os proxectos desenvolvidos por un máximo de 8 mozos ou mozas de idades comprendidas entre os 18 e 30 anos, ou de 16 a 18 anos con autorización dos pais ou titores legais. O prazo para solicitar estas axudas permanecerá aberto ata o día 10 de abril.
O director xeral recordou que “a participación xuvenil en actividades de voluntariado axuda aos mozos e mozas a adquirir valores moi positivos, como son o traballo en grupo, a responsabilidade, a comunicación, o sentido da iniciativa e a autoconfianza”. Ovidio Rodeiro tamén destacou a “importancia que ten complementar as ensinanzas académicas dos estudantes coas experiencias e competencias adquiridas mediante programas de educación non formal de participación xuvenil”.
O titular de Xuventude recordou que o Plan de Formación de Xuventude da Consellería de Traballo e Benestar oferta este ano aos mozos e mozas galegos un total de 20.000 prazas a través de 76 cursos de diferentes temáticas divididos en dous eidos: xuventude e educación non formal e voluntariado. En total, impártense máis de 3.000 horas de formación.











