Un total de 44 alumnos de Narón beneficiáronse da formación para desempregados financiada con 188.000 euros

Belén do Campo na entrega de diplomas
Un total de 44 alumnos beneficiáronse dos tres cursos promovidos pola Xunta de Galicia, a través do programa de Accións Formativas para Desempregados (AFD), no concello de Narón. A delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, e o alcalde do municipio, José Manuel Blanco, entregaron esta mañá os diplomas acreditativos destas actividades, nas que a Consellería de Traballo e Benestar investiu 187.796 euros.
Un dos cursos serviu para formar a 15 alumnos nas tarefas de atención sociosanitaria a persoas no domicilio, mentres que outros 15 recibiron clases de atención sociosanitaria a persoas en institucións sociais. Tiveron unha duración de 618 e 468 horas, respectivamente, e o investimento total en ambas actividades foi de 128.581 euros.
A terceira actividade formativa versou sobre montaxe de mobles e elementos de carpintería e beneficiou a outros 15 alumnos. Neste caso, a duración foi de 538 horas e o orzamento do departamento autonómico ascendeu a 59.215 euros.
Segundo indicou Do Campo, “a oferta de cursos adáptase ás expectativas laborais actuais e, neste caso, son boas, pois nos dous primeiros casos céntranse no desenvolvemento da Lei de Dependencia e, no segundo, no abano de posibilidades existente para a contratación por conta allea e propia”. O obxectivo deste programa é a inserción laboral dos traballadores e traballadoras desempregados naqueles sectores estratéxicos que requiren o sistema produtivo e as empresas. A delegada territorial destacou a importancia da formación como “aspecto clave para conseguir reducir as taxas de desemprego”.
No municipio de Narón, a Xunta investiu un total de 715.000 euros para levar a cabo unha quincena de cursos entre 2013 e 2014 en colaboración non só co concello, senón tamén con outras entidades. Nestas iniciativas participaron 225 alumnos que recibiron 6.710 horas de formación.











