Un total de 20 alumnos formaranse no obradoiro de emprego de San Amaro da Coruña no que se invisten 180.000 euros
Un total de 20 alumnos en situación de desemprego están a participar no obradoiro de emprego de San Amaro da Coruña. A conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, acompañada da delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, visitou hoxe esta iniciativa mixta de formación e emprego, na que o departamento autonómico está a investir preto de 180.000 euros.
Os participantes estanse a formar nunha especialidade: instalación e mantemento de xardíns e zonas verdes. En concreto, esta actuación permite a planificación, conservación e rehabilitación dos espazos verdes do cemiterio de San Amaro.
O obradoiro vaise prolongar durante os próximos meses e, segundo explicou Mato, ofrece numerosas vantaxes. A primeira de todas elas é que os alumnos poden acceder a un posto de traballo e, ao mesmo tempo, ofrécelles unha formación teórica e práctica de calidade. Ademais, os obradoiros levan aparellada a realización de obras ou servizos de interese para a comunidade.
A conselleira lembrou tamén que o Goberno galego mantén unha firma aposta por estes programa mixtos de formación e emprego. Actualmente, hai en marcha en Galicia 50 obradoiros, grazas a un investimento de máis de 9,5 millóns de euros. Na provincia da Coruña están funcionando un total de 17 con 370 alumnos, e un orzamento de 3,3 millóns de euros.
O departamento autonómico xa publicou en xaneiro a convocatoria dos obradoiros para este ano. Contarán cunha dotación de 10,2 millóns de euros, cos que está previsto poñer en marcha outros 50 obradoiros.
Programa Integrado de Emprego
Doutra banda, Mato informou de que a cidade herculina conta tamén co programa integrado de emprego ‘Posto a posto’ que brinda a 120 traballadores en situación de desemprego a oportunidade de conseguir a súa inserción laboral, polo que A Coruña é unha das poucas cidades galegas que está a desenvolver as dúas iniciativas á vez. Neste caso, Traballo está a destinar un total de 135.000 euros.
Os programas integrados están especialmente deseñados para axudar a mellorar a empregabilidade das persoas que están a encontrar maiores dificultades para conseguir un posto de traballo. En total, en Galicia están en marcha 30 programas cun orzamento de 2,5 millóns de euros, un 116% mais que o ano anterior. Este esforzo vai permitir acadar a cifra de 4.500 beneficiarios, mais do dobre dos que houbo en 2013.











