Un total de 16.896 persoas utilizaron as casas de préstamo do Concello de Oleiros en 2013

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaOleiros
A-
A+

Un total de 16.896 persoas utilizaron ao longo do ano 2013 as casas de préstamo que o Concello de Oleiros pon a disposición dos veciños e veciñas do municipio para organizar festas e celebracións. Os inmobles de Agramar, Echeverry e Bastiagueiro rexistraron un total de 584 usos nos 365 días do pasado ano. A demanda deste servizo incrementouse interrompidamente desde a súa posta en marcha ao longo da pasada década. Deste modo, en 2013 o número de persoas usuarias incrementouse en 484. A casa máis utilizada foi a casa da praia de Bastiagueiro, que rexistrou ao longo dos doce meses un total de 254 usos nos que participaron 8.920 persoas. A segunda máis utilizada foi Echeverry con 200 usos e 4.692 persoas usuarias. Por último sitúase Agramar con 145 usos e 3.364 veciños e veciñas participantes.

Os requisitos para poder solicitar unha casa de préstamo do Concello de Oleiros son estar empadroado no municipio e ser maior de idade; de non ter máis de 18 anos, a solicitude deberá ser asinada polo pai, nai ou titor da persoa solicitante. O seu uso é totalmente gratuíto. A solicitude debe cursarse cunha antelación máxima de 2 meses e mínima de 5 días. A persoa solicitante deberá facelo persoalmente, presentando a solicitude modelo, que encontrará no Concello, debidamente cumprimentada, no rexistro municipal. Antes deberá consultar a dispoñibilidade dos locais na oficina de casas de préstamo, sita na primeira planta da Casa do Concello. A única obriga será deixar a casa ordenada e limpa: todas elas dispoñen de utensilios e produtos de limpeza. Ademais destes tres inmobles, o Goberno local pon a disposición dos veciños e veciñas outros inmobles en cada parroquia a través do Departamento de Cultura.

7 de marzo de 2014 | 17:27 • Sen comentarios

Comentarios pechados.