Un Ribera Navarra moi serio ante un Azkar Lugo sen gol
Acabóuselle facendo longo o partido hoxe ao Azkar Lugo. Os lucenses caeron por un contundente, á vez que elevado 1-7, ante o Ribera Navarra que se amosou moi serio na capital lucense. E é que a diferenza non foi tanta como reflicte o marcador final, pero si a efectividade de cara a gol duns e outros. Xa ao descanso mandaban os de Tudela por tres goles nun choque moi igualado e no que a pegada en ataque dos galegos non foi eficiente, unido a unha actuación arbitral que prexudicou aos locais con numerosas faltas, criterio que cambiou tralo descanso cunha arbitraxe máis acorde co xogo para nada brusco. Os lucenses intentárono no segundo periodo pero os navarros acabaron sentenciando moi pronto para levarse os tres puntos.
O partido non podía comezar peor para os lucenses xa que na primeira opción de perigo dos visitantes, aos 38 segundos, unha falta sacada por Lolo atopaba no bordo do área a Charlie e o zamorano que facía o 0-1. Os dous primeiros minutos de xogo eran para os brancos que facían intervir en dúas novas ocasións a Mendiola, pero o Azkar apertaba a toda cancha e así chegarían as ocasións de Iago Rodríguez cun tiro ao pau e outro disparo de Álex Diz que se ía á escadra e que atallaba Molina. Ese maior acoso dos locais obrigaba a Pato a pedir tempo morto para cortar o ataque lucense. Superado o ecuador da primeira parte o Azkar Lugo cometía a súa quinta falta, os colexiados sinalaran esas típicas faltiñas e iso condicionaría a súa intensidade defensiva. Pouco despois chegaría o 0-2 para os de Pato obra de Andresito tras unha boa galopada e a punto estaba de chegar o terceiro para os navarros un minuto despois, pero Mendiola realizaba unha gran parada a disparo de Lolo. O Azkar necesitaba unha pausa e Diego Ríos solicitaba tempo morto, pero xusto antes de que este chegase, unha dubidosa man que acababa en gol de Chano, o tanto o anulaban os colexiados e ademais convertíase na sexta falta dos azuis, co que Andresito íase aos dez metros e non fallaba (0-3). Do posible 1-2 ao 0-3. Unha das claves do choque. Agora si tempo dos galegos para frear o bo momento dos visitantes. Na recta final dos primeiros vinte minutos o Azkar buscou con descaro a meta de Molina para facer o primeiro da tarde, pero o cancerbeiro amosouse moi seguro como para deter un bo disparo de Álex Diz. Mendiola atallaba un tiro perigoso de Juni, mentres que a 20 segundos do intermedio Chano e Cuco non acababan de entenderse no área visitante nun gol que parecía cantado.
A segunda parte arrincaría cunha perigosa falta indirecta ao bordo do área a favor dos galegos pero que Chano mandaba por encima do longueiro. E da ocasión lucense ao gol de Palmas cando ao primeiro pau remataba un saque de esquina do seu equipo (0-4). O Azkar vía como hoxe os de Tudela estaban moi doces en ataque. Pese a iso o Azkar Lugo reaccionaba e así unha mala saída de presión dos tudelanos era aproveitada por Aranburu para facer o 1-4. Había partido? A presión asfixiante dos lucenses tiña o seu efecto, espoleaba ao equipo, pero a distancia no marcador era considerable. Tras uns minutos de toma e daca sen demasiadas ocasións, o partido acabábaselle de complicar por completo ao Azkar Lugo xa que nun rifi-rafe, Cuco e Palmas eran amonestados e o xogador dos lucenses era expulsado ao ver a súa segunda amarela, expulsión que nin trinta segundos despois custáballe o 1-5 de Charlie. Media hora de partido e o choque parecía visto para sentenza. Só quedaba a baza do porteiro-xogador e Álex Diz xa o facía a falta de nove minutos para o final, pero dúas perdidas acabaron por condenar aos galegos xa que Charlie e Palmas non perdoaban desde campo propio (1-7). Diego Ríos quixo premiar o traballo do porteiro do filial Nacho e así o meta debutaba na máxima categoría nos últimos cinco minutos do choque. Pouco máis nun partido un tanto estraño no que os lucenses pagaron moi caro o seu desacerto de cara a gol.
Ficha técnica:
Azkar Lugo 1: Mendiola, Diego Núñez, Iago Rodríguez, Cuco e Chano, -cinco inicial-, Álex Diz, Aranburu, Jandri, Zala, Adrián e Nacho. Ríos Renovables Ribera Navarra 7: Molina, David, Lolo, Andresito e Charlie, -cinco inicial-, Luisma, Joselito, Juni e Álex Fuentes.
Árbitros: Arce Ruíz e De Juana González (comité cántabro). Amonestaron con tarxeta amarela a Iago Rodríguez (Azkar) e a Andresito, Lolo, Joselito, Palmas e Álex Fuentes (Ribera Navarra). Expulsaron por dobre amarela a Cuco.
Incidencias: 25ª xornada de liga en 1ª división. Palacio Municipal dos Deportes de Lugo. Uns 700 espectadores.
Goles: 0-1 min. 1 Charlie, 0-2 min. 12 Andresito, 0-3 min. 15 Andresito (dobre penalti), 0-4 min. 21 Palmas, 1-4 min. 22 Aranburu, 1-5 min. 29 Charlie, 1-6 min. 33 Palmas e 1-7 min. 35 Charlie.











