Un gol de Isi a catro minutos do final deixou fóra da Copa Xunta ao Azkar Lugo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDeportesLugo
A-
A+

O derbi lucense na Copa Xunta clasificou ao Burela Pescados Rubén para a gran final. Nun partido de poucas ocasións e nas que os capitalinos amosáronse superiorires aos mariñanos, un único gol no choque clasificaría finalmente aos laranxas na loita polo título autonómico. E é que hoxe o Azkar si plantou cara aos de Juanlu Alonso e como mínimo mereceron o empate para xogarse nos penaltis o pase.

O choque comezou con igualdade e con sorpresa xa que Mimi aos catro minutos vía dúas amarelas e era expulsado. Coas regras da liga galega, o Burela perdía ao madrileño pero non ao seu quinto xogador en pista. O choque vía como co paso dos minutos igualábase e as ocasións de gol eran escasas e é que moitos erros nos pases facían que non houbese un claro dominador. Superado o ecuador do primeiro tempo o Azkar pareceu dar un paso á fronte e así Jandri ou Álex Diz a punto estiveron de bater a Edu. Tras uns minutos de pequeno acoso local, ao bordo do descanso chegarían as ocasións máis claras e así Diego Núñez salvaba como último home unha clara contra laranxa e a dous minutos do descanso Chano estrelaba un balo no pau.

Tralo descanso o Azkar Lugo daba un paso á fronte, a súa presión por momentos a toda cancha poñía en moitas dificultades aos mariñanos e así o Burela Pescados Rubén non lograba tirar sobre a meta de Mendiola. Iago Rodríguez desaproveitaba no minuto 23 un man a man con Edu e logo sería Zala o que a tiña ante o meta ferrolano. Mesmo Jandri gozaba dunha boa ocasión, pero o gol para os azuis non chegaba. O primeiro disparo dos laranxas non chegaría ata consumirse metade do segundo periodo e é que os pronistas estaban perfectos en defensa. O Azkar Lugo parecía máis enteiro físicamente, estaba realizando un partido completo e só lle faltaba o gol, o cal hoxe resistíuselle. O Burela avisou cunha contra no minuto 35 que Juanma mandaba ao pau. Foi o preludio do gol de Isi, tamén á contra, nun dos poucos erros hoxe dos azuis (1-0 minuto 36). Entón o Azkar Lugo buscou o empate con porteiro-xogador na figura de Álex Diz. As posesións eran longas, os de Diego Ríos querían buscar a súa mellor opción, e tiveron ao longo das súas posesións dúas ocasións moi claras nas botas de Iago Rodríguez e Jandri que se atoparon con Edu que acabou salvando aos seus. O Azkar non atopou o premio do gol que faría a mínima xustiza hoxe, onde os capitalinos foron mellores que os mariñanos.

Ficha técnica:
Burela Pescados Rubén 1: Edu, Mimi, Carlitos, Antoñito e Matamoros, -cinco inicial-, Burrito, Isi, Iago Míguez e Juanma.  Azkar Lugo 0: Mendiola, Diego Núñez, Cuco, Iago Rodríguez e Chano, -cinco inicial-, Álex Diz, Jandri, Aranburu, Antonio Diz e Zala.
Árbitros: Esteban Otero e Vilas Martínez (Santiago de Compostela). Amonestaron con tarxeta amarela a Edu (Burela) e a Iago Rodríguez e Cristian (Azkar). Expulsaron por dobre amarela a Mimi (Burela).
Incidencias: semifinais da Copa Xunta de Galicia. Pavillón Vista Alegre. Uns 300 espectadores.
Goles: 1-0 min. 36 Isi.

13 de marzo de 2014 | 10:36 • Sen comentarios

Comentarios pechados.