Últimos días para inscribirse no Concurso de Disfraces de Entroido de Brión
O polideportivo municipal de Pedrouzos acollerá este domingo 9 de marzo o tradicional Concurso de Disfraces de Entroido organizado polo Concello de Brión, que repartirá 2.200 euros en premios e para o cal aínda é posible anotarse na Casa da Cultura ou no teléfono 981 50 99 08 antes das 14:00 horas deste venres. Tamén se admitirán anotacións o mesmo día do concurso, na Casa da Cultura entre as 15:00 e as 16:00 horas, e xusto antes do gran Desfile de Entroido.
A previsións meteorolóxicas indican que este ano si que poderá celebrarse o Desfile de Entroido, que partirá ás 16:30 horas da Carballeira de Santa Minia e fará un percorrido polas distintas rúas de Pedrouzos ata chegar ao polideportivo, onde terá lugar o concurso e unha gran festa de disfraces final amenizada pola orquestra Abanico. O xurado valorará a orixinalidade, a calidade do traballo dos disfraces e dos complementos, así como o propio lucimento do disfrace sobre o escenario do pavillón polideportivo.
Premios
As bases do concurso establecen catro categorías. Na primeira delas participarán nenos e nenas menores de 11 anos, que se repartirán tres premios de 50, 40 e 20 euros canxeables por libros, xogos ou material escolar. Na categoría xuvenil, de 12 a 17 anos, os premios serán de 55, 40 e 20 euros en material didáctico. Na categoría de adultos (maiores de 18 anos) haberá dúas modalidades: individual, con premios de 100 e 75 euros; e parellas, con premios de 150 e 100 euros.
Finalmente, na categoría xeral establécense tres modalidades de concurso: Grupos (de 3 a 9 persoas) con tres premios de 200, 150 e 100 euros; Comparsas (10 ou máis persoas) con galardóns de 300, 200 e 150 euros; e Carrozas, con tres premios de 200, 150 e 100 euros. As bases do concurso poden descargarse na web municipal www.concellodebrion.org.











