publicidade hoxe

Ultímase a tramitación do convenio para a execución do paseo marítimo da Seara en Moaña

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaMoaña
A-
A+
Agustín Hernández na reunión co alcalde de Moaña

Agustín Hernández na reunión co alcalde de Moaña

O conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández, confirmou onte ao alcalde de Moaña, José Fervenza, que a Xunta de Galicia está a ultimar a tramitación do convenio que asinará co concello para a construción do paseo marítimo da Xunqueira, no tramo da Seara.

O Goberno galego comprométese a financiar as obras cun investimento de máis de 400.000 euros, e tamén farase cargo da súa licitación, adxudicación e execución. Pola súa banda, o Concello de Moaña deberá xestionar a disposición dos terreos libres de cargas e gravames, ademais de encargarse da redacción do proxecto.

O convenio asinarase a tres bandas, entre a Axencia Galega de Infraestruturas, Portos de Galicia e a administración local.

Características da actuación

No litoral do concello de Moaña, o tramo da Seara rompe a continuidade do tránsito peonil e en bicicleta, constituíndo un “tapón” para paseantes e ciclistas que se atopan bloqueados entre a Casa do Mar e o edificio de Salitre, xa que polo interior circulan os coches e non existe espazo físico para pasar.

Coa actuación do paseo marítimo de Moaña ata o paseo da Xunqueira (treito Seara) resólvese esta continuidade ata o río Pontillón mediante un carril bici de 700 metros e unha pasarela de Madeira de 6 metros de ancho e 200 metros de longo, con sete novas baixadas ao mar. Ademais, ordénase e repárase o aparcadoiro (48 prazas), créase un novo parque infantil, reparando ou renovando os pavimentos de toda a zona interior pública e as dúas rampas e escaleiras de pedra existentes na zona.

Estas obras, ademais de servir de solución de continuidade entre o paseo marítimo de Moaña e o paseo da Xunqueira, permitirá un uso aberto fundamentalmente ao público e á cidade e un maior nivel de seguridade viaria.

21 de marzo de 2014 | 17:18 • Sen comentarios

Comentarios pechados.