Turismo de Galicia concede axudas para a promoción de nove festas de interese turístico na provincia de Ourense
Turismo de Galicia vén de mobilizar na provincia de Ourense unha partida de axudas para plans de apoio, promoción e difusión das festas declaradas de Interese Turístico de Galicia. Estas subvencións se repartirán entre 9 concellos ourensáns que solicitaron as axudas e contan no seu calendario festivo con este tipo de celebracións. O Diario Oficial de Galicia de hoxe publica a Resolución de Turismo de Galicia pola que se dá publicidade a estas axudas.
O delegado territorial da Xunta de Galicia en Ourense, Rogelio Martínez, considera que estas axudas “favorecerán a potenciar a imaxe turística dos municipios que acollen estas festas características, que ano tras ano atraen a un maior número de visitantes ao medio rural da nosa provincia”.
As festas ourensás que obtiveron estas achegas son: Romaría Etnográfica Raigame (Celanova), Entroido de Laza (Laza), Folión Tradicional do Entroido de Manzaneda (Manzaneda), Romaría da Saínza (Rairiz de Veiga), Feira do Viño do Ribeiro (Ribadavia), Festa da Castaña e do Cogomelo (Riós), Festa da Androlla (Viana do Bolo) e Festa do Pemento (Arnoia).
En toda a Comunidade autónoma, Turismo de Galicia destinou para estas axudas para promoción e apoio as festas de interese turístico galegas para 49 festexos así catalogados.
Outras axudas
Rogelio Martínez lembra que actualmente están abertas 3 ordes de axudas dirixidas ao sector turístico galego que contan cun orzamento de 400.000 euros. Estas subvencións están orientadas ao mantemento e renovación dos distintivos de Calidade Turística, á contratación de persoal para as oficinas de Turismo dos Municipios Turísticos así como ás axencias de viaxes para o desenvolvemento de actividades de promoción e comercialización turística do destino Galicia.
Así, os concellos declarados Municipios Turísticos poden solicitar estas achegas para a contratación de persoal nas oficinas de turismo nos meses de xuño, xullo, agosto e setembro. A afluencia turística nestes meses fai necesaria a contratación de persoal nas oficinas de turismo para o mantemento da calidade no servizo de información turística que se presta, de xeito que se potencie a imaxe do municipio de Interese Turístico así como a imaxe do destino Galicia no seu conxunto. A orde de axudas a concellos declarados Municipios de Interese Turístico está dotada con 175 mil euros.
O prazo de presentación de solicitudes para as axudas 2014 remata o vindeiro 14 de abril. A presentación de solicitudes realizarase por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.











