Travis Peterson: “Son un xogador que fai o que o adestrador lle pida”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDeportesSantiago de Compostela
A-
A+
Presentación de Travis Peterson

Presentación de Travis Peterson

O Colexio Maior Fonseca, no Campus Sur universitario santiagués, acolleu a presentación do novo xogador do Rio Natura Monbus, Travis Peterson. A á-pivote de 28 anos e 2,08 de estatura estivo acompañado pola directora xeral de Pescamar e membro do Consello de Administración do club, Lupe Murillo; o vicerreitor de estudantes,  Cultura e Formación Continúa da Universidade Paco Durán,  e o adestrador do Rio Natura Monbus, Moncho Fernández.

Lupe Murillo abriu o acto de presentación lembrando a vinculación do Rio Natura Monbus cos estudantes universitarios e o motivo polo cal fixo que o club declare `Partido do Universitario´ a visita do Fuenlabrada do próximo 22 de marzo. “Moitos dos nosos afeccionados descobren ao Rio Natura Monbus durante os seus estudos, e para aqueles que aínda non o fixesen aínda queremos ofrecerlle por segundo ano consecutivo o Partido do Universitario, polo que todos aqueles estudantes poderán adquirir unha entrada para o partido ao prezo especial de 9 euros. A xente nova é o futuro do Proxecto Obradoiro. A día de hoxe, sentimos en moitas canchas de España a calor de moitos seguidores que se fixeron obradoiristas durante os seus estudos en Compostela. Hai uns días volvemos a comprobar o espectacular que resulta Sar cheo e temos que conseguir entre todos o mellor ambiente posible contra o Fuenlabrada”, declarou.

O adestrador do Rio Natura Monbus, Moncho Fernández, mostrouse moi satisfeito coa aterraxe do americano: “Necesitabamos incorporar a un home para o xogo interior. Para nós o perfil humano é fundamental e Travis cumpre as características que buscabamos. A mostra é que onte, tras unha longa viaxe e estando mal do estómago, cun problema de deshidratación, meteuse unha malleira de adestramento”, sinalou.

Fernández subliñou a súa intelixencia sobre a cancha, que lle permite ver moi ben o baloncesto e promediar até catro asistencias por partido, que son moitas desde unha posición interior: “É un xogador que xoga no catro, que pode abrir o campo; tamén é capaz de xogar preto de aro. É polivalente, con experiencia noutras ligas e cunha gran intelixencia, que demostra na súa capacidade para pasar o balón. Tamén destaca polo seu bo lanzamento exterior. Fai moitas cousas ben. En resumo, un xogador de equipo que vén reforzar o xogo interior do bloque. Creo que no aspecto humano habemos acertado e no deportivo tamén. Ademais, vén ben. Estivo xogando até hai case unha semana. A situación política en Ucraína fixo que a liga parase, pero agora xa volve competir. Canto con el para o partido ante o CAI Zaragoza”.

Por último, o novo interior do Rio Natura Monbus, Travis Peterson, asegurou que fai “o que o adestrador pida. Desde o principio xogar en España era un soño, pois a liga Endesa é unha das mellores competicións a nivel mundial. Os xogadores españois son de primeiro nivel, os xogadores estranxeiros tamén son moi bos e a asistencia de espectadores tamén chama a atención… A viaxe foi duro, difícil, tiña ganas de volver suar e volver adestrar. Onte estiven a traballar defensa e hoxe toca ataque. Estou a desexar coñecer ben aos compañeiros para adaptarme o máis rápido posible. Si hai que anotar, anotarei; e si hai que defender, defenderei”.

13 de marzo de 2014 | 22:37 • Sen comentarios

Comentarios pechados.