Traballo destina uns 40.500 euros para a formación de 15 desempregados de Neda

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaNeda
A-
A+

A Consellería de Traballo e Benestar destinou máis de 40.500 euros á formación de 15 persoas desempregadas de Neda (A Coruña), nun curso de programador de aplicacións orientadas a obxectos.

A directora xeral de Emprego e Formación, Ana María Díaz, entregou hoxe os diplomas aos participantes desta iniciativa vinculada á obtención dun certificado de profesionalidade con validez en todo o Estado e opinou que “unha formación de calidade, certificada e orientada ás demandas reais do mercado laboral supón a base fundamental para iniciar a senda do crecemento”.

Segundo explicou a directora, Galicia xa expediu 36.000 acreditacións ata o momento, o que á sitúa no primeiro posto entre as Comunidades autónomas nesta materia. Para elo, a partida orzamentaria destinada á formación blíndase este ano con 63 millóns de euros.

Ana María Díaz indicou que os cursos de formación para o emprego “constitúen un dos elementos máis salientables das políticas activas de emprego por tratarse dunha medida de mellora da empregabilidade das persoas en paro, que se recolle na Estratexia Europea de Emprego e no Plan Nacional de Acción para o Emprego”.

Os programas de formación que integran a oferta da Dirección Xeral de Emprego e Formación están normalizados, actualizados e adaptados ás esixencias do mercado de traballo, ao igual que os de anos anteriores.

Así mesmo, estes programas teñen un referente común de competencias en materia educativa e laboral porque foron elaborados en función das cualificacións profesionais existentes.

14 de marzo de 2014 | 17:02 • Sen comentarios

Comentarios pechados.