publicidade hoxe

Tourís supervisa as obras de aforro enerxético realizadas no concello de Pontecesures

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontecesuresPontevedra
A-
A+
Cores Tourís na visita a Pontecesures

Cores Tourís na visita a Pontecesures

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, visitou esta mañá o concello de Pontecesures para supervisar o remate das obras de aforro enerxético realizadas neste municipio e que supuxeron a instalación de novas luminarias en diversos puntos do concello.

Esta obra executouse cun investimento de 60.000 dos cales, dos cales 51.000 euros, é dicir, o 85%, foron aportados a través da Consellería de Economía e Industria.

Na visita estivo acompañado polo alcalde da localidade, Luis Álvarez Angueira, así como polo xefe territorial de Economía e Industria en Pontevedra, Ignacio Rial.

Neste concello actuouse en 180 puntos de luz das vías de Portarraxoi, San Lois, Sagasta, Víctor García, Patifa, Otero Acevedo, San Lárazo e o entorno da estación coa substitución das lámpadas por novas luminarias led, cun sistema de aforro para baixar o consumo a partir dunha hora e tamén coa reforma do cadro de mando. A tecnoloxía LED combínase tamén con haloxenuros, que se colocarán nas catenarias que foron instaladas fai anos nas rúas centrais do municipio.

O aforro enerxético, segundo apuntou o alcalde da localidade será moi importante. “Deste xeito, conseguiremos aforrar máis de 12.500 euros ao ano das arcas municipais o que significa un 60% da nosa factura eléctrica”, explicou Álvarez Angueiro, quen matizou que o aforro enerxético sería de 83.521 kWh/ano, “é dicir, o equivalente a plantar 2.714 árbores”.
Deste xeito, o concello de Pontecesures acolleuse a orde de subvencións a proxectos de aforro e eficiencia enerxética publicada o ano pasado pola Consellería de Economía e Industria a través do INEGA.

Segundo recordou Cores Tourís, o INEGA volveu a apostar pola mellora enerxética abrindo, a comezos de ano, unha nova liña destinada a proxectos de renovación de instalación de iluminación pública exterior e contará cun orzamento global para o 2013 de case 3 millóns euros para toda Galicia.

O delegado territorial insistiu no feito de que “coa execución destes proxectos obtense un importante aforro enerxético e económico, de ata un 50% na factura eléctrica das instalacións substituídas. Así se contribúe á mellora da situación financeira das administracións locais. Ademais acadaranse importantes vantaxes ambientais, como a redución das emisións de CO2 ou a diminución da contaminación lumínica que sofren os concellos”.

Cores Tourís non quixo deixar de apuntar a importancia “do día que onte se celebrou en todo o mundo, o da Eficiencia Enerxética, xa que se trata dunha data para reflexionar sobre o uso racional que lle damos á enerxía. Temos que ser conscientes da importancia do noso medio ambiente e, por tanto, da necesidade de facer todo o que estea na nosa man para intentar frear o esgotamento dos nosos recursos naturais e, por suposto, o cambio climático”.

“Para este fin estamos a traballar dende as institucións con iniciativas como a que hoxe comprobamos en Pontecesures”, engadiu solicitando a colaboración cidadá neste senso, xa que apoiar o aforro enerxético “non significa renunciar á calidade de vida, senón usar os recursos de xeito máis adecuado, reciclar e apostar por produtos menos contaminantes”.

6 de marzo de 2014 | 14:02 • Sen comentarios

Comentarios pechados.