Tomiño organiza un curso de monitor de tempo libre de 300 horas de duración

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaTomiño
A-
A+

O Concello de Tomiño, a través da OMIX (Oficina Municipal de Información Xuvenil), organiza un novo curso de Monitor de Tempo Libre, de 300 horas de duración e homologado pola Consellería de Traballo e Benestar da Xunta de Galicia.

Esta nova actividade formativa comezará o día 5 de abril e está dirixida a persoas maiores de idade, con certificado de EXB, ESO, FP ou equivalente, que desexen acadar a titulación oficial homologada de monitor/a de actividades de tempo libre, co fin de traballar en campamentos, ludotecas, empresas de lecer, concellos, etc.

As clases serán impartidas os días sábados e domingos, de 9 a 14 horas e de 15.30 a 20.30 horas, podendo apuntarse as persoas interesadas, ata unha semana antes do inicio do curso, que require un mínimo de 25 persoas.

O prezo da inscrición é de 184, aínda que a mocidade tomiñesa posuidora do carné xove, terá un 10% de desconto.

O principal requisito para poder inscribirse é ter entre 18 e 35 anos. Terán preferenza os mozos e mozas desta idade empadroados no concello de Tomiño, e en caso de que queden prazas libres, poderán inscribirse tamén  maiores de 35 anos e veciños/as doutras localidades.

Campamentos de verán

Por outra banda, o día 31 de marzo remata o prazo para anotarse nos campamentos de verán da Deputación (campamentos polideportivos Príncipe Felipe para nenos e nenas nados/as entre 2000 e 2007 + campamentos da Lanzada  para nados/as entre 2001 e 2006).
Por outra banda, o prazo para inscribirse nos campamentos da Xunta, estará aberto até o 9 de abril.

27 de marzo de 2014 | 20:17 • Sen comentarios

Comentarios pechados.