Tertulia do IEM co fotógrafo Manuel Sendón

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGondomar
A-
A+

O vindeiro venres 7 de marzo ás 20:30 horas, o fotógrafo Manuel Sendón, será o convidado dunha nova TERTULIA do IEM. No encontro, Sendón fará un repaso pola súa traxectoria e abordará varios aspectos da actualidade no eido da fotografía. A presentación do faladoiro estará a cargo de Juan Chamorro (IEM). O acto terá lugar na Aula de Cultura Ponte de Rosas (Avda. da Feira, 10 baixo, Gondomar).

Manuel Sendón (A Coruña, 1951), é licenciado en Matemáticas e doutor en Belas Artes. Na actualidade exerce como profesor de fotografía da Facultade de Belas Artes de Pontevedra. Dirixe o Grupo de Investigacións Fotográficas da Universidade de Vigo. Activo fornecedor cultural do país leva adiante varias iniciativas ligadas ao eido da fotografía como o proxecto “Inédito”, onde presenta traballos fotográficos non publicados e pretende establecer un diálogo entre artistas emerxentes e artistas xa coñecidos, prestándolles unha especial atención aos novos artistas galegos.

Con Xosé Luis Suárez Canal dirixe o Centro de Estudos Fotográficos e na actualidade traballa no proxecto “Mil Ríos”, unha mostra itinerante que está a percorrer Galicia.

6 de marzo de 2014 | 10:51 • Sen comentarios

Comentarios pechados.