Teresa Perales compartirá a súa experiencia con traballadores de Gas Natural Fenosa en Vigo
A sede do Círculo de Empresarios de Galicia-Club Financeiro Vigo acollerá este martes unha xornada de normalización da discapacidade, organizada por Gas Natural Fenosa e Fundación Adecco, na que a deportista paralímpica Teresa Perales compartirá a súa experiencia con traballadores da compañía enerxética e outras empresas.
O acto, que será ás 13,00 horas, contará coa presenza da conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato; o delegado xeral de Gas Natural Fenosa en Galicia, Manuel Fernández Pellicer; e o director xeral de Fundación Adecco, Francisco Mesonero.
A xornada enmárcase no compromiso de Gas Natural Fenosa coa Fundación Adecco para a posta en marcha de accións que normalicen a discapacidade e faciliten a integración social e laboral.
A presenza de Teresa Perales, a única muller do mundo gañadora de 22 medallas paralímpicas (compartindo marca co nadador Michael Phelps), servirá para trasladar unha mensaxe sobre a importancia de eliminar barreiras e estereotipos, para favorecer unha visión renovada e actual da discapacidade.











