Terceira sesión en Pontevedra de Ponte a Londres!

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontevedra
A-
A+

Os colexios de Xeve, Lérez e Parada-Campañó participan mañá na terceira sesión presencial do proxecto Ponte a Londres” de acordo cos seguinte horario: das 9.00 ás 10.30 horas no CEIP de Xeve , das 11,00 ás 12.30 horas, no CEIP de Lérez e das 13.00 ás 14.30 horas, no CEIP de Parada-Campañó.

Nesta terceira sesión, “traballo dixital”, durante hora e media os grupos que participan na actividade verán os traballos enviados ao web didáctico de Ponte a Londres (http://pontealondres.eu/web/) ao longo deste último mes. Tamén coñecerán que é e como funciona Internet, como se fan as páxinas web, como compartir información na rede e achegaranse a proxectos que se están a desenvolver en Galicia e en galego arredor da informática: como o sistema operativo de software libre Ubuntu ou empresas galegas do sector.

Ponte a Londres é unha iniciativa innovadora para dinamizar o uso da lingua galega a través de conversas e narración multimedia entre escolares de 5º e 6º de primaria dos CEIP Lérez (33 alumnos/as), Xeve (38 alumnos/as) e Campañó (13 alumnos/as de 6º); coa colaboración do colexio español Cañada Blanch de Londres.

Desde o mes de xaneiro as distintas actividades do programa impulsan o galego como lingua de comunicación entre o alumnado e axuda aos nenos e nenas de Pontevedra a valorar a lingua galega como lingua de comunicación. Tamén se incentiva a reflexión de que o coñecemento, o uso e a valoración do galego é unha fonte de riqueza lingüística e de identidade que abre as portas a un universo infinito de coñecementos e á comunicación con moitos países fóra de Galiza.

Ponte a Londres é un proxecto de normalización lingüística e intercambio cultural virtual, construtivo e colaborativo arredor da lingua galega, onde rapaces de Pontevedra e Londres poden intercambiar e construír experiencias da vida cotiá no seu ámbito, así como coñecer outros xeitos de vida, tendo como elemento motivador a normalización da lingua galega.

Os eixos centrais do programa son o uso, a posta en valor e a difusión da lingua e cultura galega entre a mocidade e dende a mocidade; e o uso responsable e crítico da tecnoloxía, así como a construción colaborativa de contidos web e multimedia.

O obxectivo xeral é a mellora da competencia lingüística do alumnado na lingua galega durante todo o proceso e a posta en en valor do patrimonio cultural, inmaterial e dixital deses núcleos e así adiantar un paso máis no proceso de normalización lingüística.

• Contribuír á posta en valor e favorecer un sentimento de orgullo e de defensa do galego entre a mocidade e os seus familiares, así como dos seus xeitos de vida, por moi diferentes que sexan.

• Posta en valor da vida cotiá no rural galego como elemento motivador para a creatividade e as actitudes activas.

• Contribuír ao pensamento crítico no uso e manexo da tecnoloxía: o usuario ten o poder, para a creación de contidos e de ferramentas e non o produtor do software e o hardware.

Para acadar os obxectivos trabállase directamente cos rapaces e rapazas dos centros de Pontevedra e o de Londres; que ao longo de cinco meses participan en:

1. Cinco sesións de hora e media de duración nos centros educativos en horario escolar, onde se traballará en galego cunha proposta clara: a dinamización do uso do galego partindo da divulgación cultural da realidade, amosando e divulgando o que se fai en Galiza nos diferentes ámbitos de maneira motivadora para o alumnado.

2. Un blog didáctico dirixido: http://pontealondres.eu/web/ Esta ferramenta vaise enchendo de contidos que abranguen a divulgación de proxectos e propostas creativas galegas de tendencia; o proceso do proxecto a través da fotografía e vídeo; os contidos elaborados polo alumnado en diversos formatos e as conversas, reflexións e debates que poidan xurdir das tarefas presentadas. O blog está a ser o elemento vertebrador de toda a acción educativa; axuda a establecer un diálogo continuo entre docente e alumnado, e entre o alumnado de Pontevedra e Londres.

3. O seguimento online das actividades durante os meses de duración do proxecto empregando como ferramenta o correo electrónico, e o blog.

4. A elaboración dun documental que de conta do proceso de todo o proxecto e a tarefa creativa do alumnado.

Todos os contidos están dirixidos e titorizados por persoal con experiencia na dinamización de colectivos.

19 de marzo de 2014 | 19:37 • Sen comentarios

Comentarios pechados.