Teo homenaxeará á muller na figura daquelas que tiveron que emigrar hai décadas
O Concello de Teo celebra o 8 de marzo Día da muller dándolle voz e presenza pública ás mulleres. A persoas anónimas que sen embargo teñen unha historia que contar. Se en anos anteriores dende o Departamento de Benestar se lle deu visibilidade a oficios como as leiteiras ou as costureiras neste 2014 os protagonistas serán os oficios pero na emigración.
Este venres no CSC da Ramallosa tomarán a palabra seis mulleres para contar a historia das mulleres na emigración. Rocío, Carmen, Lola, dúas Mercedes e Hortensia contarannos a través das súas vivencias en Londres, Suíza, Alemania e Arxentina a historia dunha xeración de mulleres galegas. Durante décadas a emigración foi a saída laboral para moitas mulleres que non tiñan na súa terra posibilidades de desenvolver as súas capacidades. O movemento do retorno que se ten dado nas últimas décadas permítenos agora coñecer directamente este relato histórico.
Na mesa estarán Rocío Botana, historiadora e estudosa da emigración no Concello de Teo; Carmen Calvo, veciña da Casalonga e emigrada en Londres; Local Cao, veciña de Nespereira e emigrada en Suíza; Mercedes, veciña de Recesende e emigrada en Alemania, Mercedes Cortizo, veciña de Penelas e emigrada en Suíza e Hortensia, veciña de Procelas e amigrada en Arxentina.
Antes desta mesa redonda darase lectura a partir das 19:30 horas á Declaración institucional do Concello de Teo para conmemorar o 8 de marzo. Este ano leerá o manifesto Conchi García, voceira da plataforma para a mellora do transporte en Teo e presidenta da ANPA do CEIP Os Tilos. Esta elección demostra a presenza activa das mulleres no tecido asociativo e a súa contribución en moitos eidos sociais a mellorar as condicións de vida. Dende Benestar o concelleiro Ignacio Iglesias destaca que “o traballo na comunidade e a presenza activa é unha característica da actividade feminina”. O acto deste venres 7 de marzo péchase cun monólogo da actriz Patricia Vázquez.
Nesta ocasión ponse en marcha un servizo de canguraxe durante a celebración destas actividades de xeito que as persoas con nenos/as menores de 10 anos poderán deixalos entre as 19:30 e as 21:30 nas instalacións da escola infantil da Ramallosa, moi preto do Centro Sociocultural. Deste xeito facilítase a asistencia ó acto das persoas con responsabilidades familiares. Para unha boa organización deste servizo é necesario comunicar antes do venres 7 ás 10:00 horas o interese no uso do mesmo no teléfono 981 809 707.
Antes do acto central con motivo do Día da muller proxectarase a película A cicatriz branca, da cineasta Margarita Ledo, no Centro Sociocultural da Ramallosa ás 20:00 hora. A cinta trata a temática da muller e a emigración.











