Teo abre o prazo para anotarse no programa de conciliación Diverteo Primavera
O Concello de Teo abre mañá o prazo para inscribirse no Diverteo Primavera que se realizará nos tres colexios, Calo, Os Tilos e A Ramallosa durante as vacacións de Semana Santa, os días 14, 15, 16 e 21 de abril en horario de 07.45 horas ata as 14:45 horas. Este programa está impulsado pola Concellaría de Educación xa que se considera prioritario polo tipo de poboación de Teo, moitas parellas con nenos en idade escolar que precisan deste tipo de servizos para facilitar a conciliación laboral e familiar.
O Diverteo está dirixido a nenos/as escolarizados/as entre 3 e 12 anos empadroados no Concello de Teo. Nesta edición hai 95 prazas, máis 5 prazas de reserva para emerxencia social. Para o acceso terase en conta a orde de inscrición. A ficha de inscrición xa se pode descargar da web municipal, así como recoller nas oficinas municipais. A tramitación da solicitude pode realizarse no Rexistro Xeral do Concello de 09:00 a 14:00 horas de luns a venres, de 09:00 a 13:00 os sábados ou de xeito online a través da sede electrónica do Concello de Teo.
O custe desta actividade é de 3 euros por día e participante. Nesta edición do programa, que se repite coincidindo coas vacacións escolares de verán e de Nadal, será de 12 euros.
A listaxe de admitidos/as estará exposta no taboleiro do Rexistro Xeral do Concello e na web municipal www.concellodeteo.com a partir do 21 de marzo. As persoas admitidas deberán efectuar o pago da cuota antes do 3 de abril e entregar o xustificante de pago no Rexistro Xeral do Concello.
Este programa conta coa colaboración da Deputación da Coruña.











