Tempos para compartir xunta 40 mulleres en Igrexafeita
O programa itinerante Tempos para compartir trasladouse a Igrexafeita esta fin de semana para mostrar como preparar e decorar riquísimas madalenas caseiras. Foi na tarde do sábado, Día Internacional da Muller, e de novo foron as mulleres o público maioritario dunha sesión impartida por Belén Hermida. Arredor dela xuntáronse 45 persoas divididas en dúas quendas.
Belén Hermida é unha veciña de Naraío que empezou hai algún tempo a facer madalenas. Todo comezou como unha afección á que pouco a pouco lle foi perfeccionando a técnica e introducíndolle innovacións. De feito, ela mostrou en Igrexafeita como preparar madalenas con sabor a vainilla e, o máis sorprendente, con sabor a refresco de cola.
En plena moda dos cup cakes Belén propúxolle ao Concello organizar un Tempos… sobre como preparar e decorar estas pequenas delicias ás que mesmo se lles dedican programas de televisión. A idea foi un éxito. Aos poucos días de lanzar a convocatoria xa se esgotaran as 20 prazas dispoñibles e foi necesario abrir unha segunda quenda con outras 20.
E se máis prazas houbese, máis xente asistiría a un Tempos… que nesta ocasión foi unha pizca máis flexible nas admisións, posto que chegou a 45 participantes. Case medio cento de persoas das que a práctica totalidade foron mulleres. Pero tamén houbo nenas e nenos que, por fortuna, participan neste tipo de actividades sen os prexuízos de xénero que aínda teñen algúns maiores.
Este Tempos para compartir debía terse celebrado o 1º de marzo. Porén o Concello adiouno ata o sábado pasado para facelo cadrar co Día Internacional da Muller. Ademais de participar no obradoiro de madalenas, todas as persoas asistentes recibiron un pequeno e doce agasallo para celebrar a data.
Un programa aberto
O Tempos para compartir é un programa itinerante que cada primeiro sábado de mes se celebra -se é posible- nunha parroquia distinta. Persoas que saben facer algunha cousa compártena cos demais de forma desinteresada coa axuda do Concello, que se encarga de buscar o lugar, darlle publicidade ao evento e cubrir o custe dos materiais necesarios. Para participar como docente do Tempos… abonda con chamar ao Concello -981 490 027- e falar coa axente de Igualdade para expoñerlle a a nosa proposta. Aínda que o programa non está pechado a ningunha posibilidade, preferentemente búscanse temas que poidan mostrarse en arredor de 2 horas -por iso teñen tanto éxito os relacionados coa cociña- e que sexan moi visuais e interactivos.
O departamento de Igualdade anda xa a voltas coa programación dos próximos Tempos para compartir. Un dos máis novidosos seguramente sexa o de elaboración de cervexa artesá para o que aínda non hai data definitiva.











