Teatro, conferencias e meditación conmemorarán en Ourense o Día Internacional das Mulleres

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOurense
A-
A+

A concelleira de Igualdade, Marga Martín, presentou esta mañá, no Salón de Plenos do Concello, o programa de actividades que se desenvolverán para conmemorar o Día Internacional das Mulleres, que se celebra este sábado, 8 de marzo. A concelleira estivo acompañada por Malena de Jesús, técnica de Igualdade e coordinadora do Centro Municipal de Información ás Mulleres.

Coa promoción e celebración de actividades durante o mes de marzo, o Concello de Ourense quere pór en valor o seu compromiso coa igualdade entre homes e mulleres e coa eliminación de todo tipo de discriminación

As actividades darán comezo, este venres, 7 de marzo, co acto de entrega do VIII premio Clara Campoamor á Igualdade de Oportunidades entre mulleres e homes, que se entregará ás 20.00h no salón nobre do Liceo de Ourense, á Plataforma Galega polo Dereito ao Aborto, polo seu traballo a prol de garantir e preservar o dereito das mulleres a decidir libremente sobre os seus corpos e polo seu activismo na defensa da interrupción voluntaria do embarazo seguro, libre, gratuíto e público.

O sábado, 8 de marzo, terá lugar, no Salón de Plenos do Concello, o tradicional acto institucional, ao que asistirán os representantes da Corporación municipal e aqueles colectivos socioculturais vencellados á defensa dos dereitos das mulleres.

Teatro, conferencias e Mindfulness para pór de relevancia o papel das mulleres e os seus dereitos

Dende o martes día 11, e ata o 20 de marzo, haberá diversas actividades, organizadas pola Concellería de Igualdade, onde as mulleres adquiren o máximo protagonismo e se convirten en espazos onde por de manifesto o rol que desempeñan na sociedade, os cambios xurdidos respecto do mesmo e a importancia de erradicar calquera tipo de discriminación.

O programa completo de actos é o seguinte:

– 11 de marzo: Curso de Iniciación ao Mindfulness para mulleres

Dende o 11 de marzo e ata o 16 de maio, e cun total de 15 prazas, desenvolverase este curso de meditación, de 10h a 12h nas dependencias da Concellería de Igualdade (rúa do Ensino, 24), lugar onde se pode realizar así mesmo a inscrición.

O Mindfulness é unha forma de meditación milenaria de grande utilidade para todas aquelas persoas que desexen relacionarse coa vida de modo saudable. Esta técnica ensínanos a centrar a nosa atención no que facemos en cada momento e a percibir que sentimos, que pensamos, por que e para que, a rexeitarmos automatismos e a desenvolvermos un estilo de vida autoconsciente, a converternos en protagonistas da nosa mellora aprendendo a potenciar os nosos mecanismos de regulación.

Contidos: 1. Atención plena; 2. Traballo corporal; 3. Exploración corporal; 4. Técnicas de integración.

12 de marzo: O teatro principal acolle, ás 20.00h, a representación teatral de “Femina Sapiens”, onde a muller é vista por si mesma. Fémina Sapiens é un solo teatral escrito e interpretado por Marta Pérez e dirixido por Carlos Álvarez Ossorio para Inversa Teatro. Unha peza de teatro experimental que analiza o papel da muller na sociedade, que se pregunta se é posible a evolución en torno ao aspecto “sapiens”, cuestiónase a linguaxe e o rol imposto á muller desde a propia decisión da bipolaridade muller-home e busca o elo perdido entre a intelectualidade e a moralidade. A entrada é libre e de balde, retirando as invitacións na billeteira.

-13 de marzo: O teatro principal, ás 20.00h, acolle o monólogo “Naviza girl”, dirixido, creado e interpretado pola actriz, clown e pedagoga teatral, Isabel Risco. A sinopse é a seguinte: Se credes que precisades dos meus servizos non tedes máis que aturuxar, que desde O Pindo escoito que flipas porque ten unha acústica bárbara. Sabedes quen son, non? Ben normal, nin puta idea, normal, ademais indo de incógnito menos, claro! Vouvos dar un par de pistas, como mínimo; agora que xa vedes a estrela encarnada xa o teredes máis claro non? Non, non son concelleria do Bloque. Igual é que como traballo en negro e hai que ser discreta pois non me recoñecedes. Eu son Chelo García Naveira, máis coñecida como Naviza Girl, unha superheroína rural galega con denominación de orixe protexida e os meus poderes proveñen do sulfato! Ídesvos super-esperrechar da risa.

-18 de marzo: O salón nobre do Liceo acolle ás 20.00h a conferencia As desterradas fillas de Eva”, impartida pola escritora e investigadora Consuelo García del Cid Guerra. As desterradas fillas de Eva é o produto de catro anos de investigación da autora, partindo dunha institución franquista chamada Padroado de Protección á Muller, descoñecida para a maioría, na que o estado encerrou a menores ata 1984, xa instaurada a democracia.

-20 de marzo: Ás 20.00, no Centro Cívico de Colón, conferencia Aborto. A quen lle importa que as mulleres decidan?”, con Nanina Santos Castroviejo, integrante do equipo de redacción da revista galega de pensamento feminista “Andaina”

5 de marzo de 2014 | 17:57 • Sen comentarios

Comentarios pechados.