Soutomaior presenta o programa “Un mar de saberes”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSoutomaior
A-
A+

O Concello de Soutomaior presentou esta mañá o seu proxecto titulado “Un mar de saberes”, co que pretende concienciar aos máis novos da importancia do mar, da súa cultura e a súa industria asociada á historia do municipio. As primeiras charlas, destinadas aos escolares de primaria, comezan mañá no Colexio Manuel Padín Truiteiro e continuarán durante o resto do mes no Santiago Apóstolo.

Mediante unha serie de charlas, saídas didácticas e xornadas de voluntariado ambiental entre outras actividades, un total de 937 alumnos dos colexios Manuel Padín Truiteiro e Santiago Apóstolo poderán coñecer de primeira man a historia e importancia do patrimonio marítimo no Concello de Soutomaior. Nas súas propias aulas, os escolares aprenderán a importancia da conservación da natureza combinando a exposición de elementos de concienciación ambiental con xogos e dinámicas prácticas de grupo. Estas charlas de sensibilización reforzaranse coas xornadas de voluntariado ambiental nas que os alumnos de 1º a 4º de primaria desprazaranse ao litoral para estudar e recoller de elementos alleos ao ecosistema da costa.

Para completar todo o traballo realizado e darlle un maior poder de difusión ao proxecto, deseñarase e creará  unha páxina web onde se aloxasen todos os contidos e informacións relacionadas co mesmo, e á que se poderá acceder a través dun enlace situado na web do Concello de Soutomaior.

O concelleiro de medio ambiente, Ramón Fernandez, manifestou a súa satisfacción polo programa e reafirmou a importancia deste tipo de accións para o futuro. “A historia de Arcade e Soutomaior está ligada ao aproveitamento do mar desde a época dos romanos até os nosos días. E así será tamén no futuro, por iso é de vital importancia que os máis pequenos coñezan esta historia e aprendan a respectala e valorala”, afirmou o edil.

O programa conta coa colaboración da confraría de Arcade e ten un orzamento de 16.450 euros, que será afrontado polo Concello de Soutomaior mediante unha subvención da Consellería de Medio Rural e do Mar de 13.810 euros, supondo un custo de 2.640 euros para as arcas municipais.

27 de marzo de 2014 | 10:55 • Sen comentarios

Comentarios pechados.