‘Son Futuras Promesas’ ofrece catro concertos de novos talentos da Orquestra Sinfónica de Galicia

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+

A tenente de alcalde de Cultura, Ana Fernández, presentou esta mañá o proxecto Son futuras promesas, unha iniciativa da Orquestra Sinfónica de Galicia (OSG) incluída en SonFuturo , o programa educativo da OSG que ao longo da tempada chegará a 24.000 escolares de máis de 200 centros. “Os vinte anos de traballo na formación de novos artistas e intérpretes dentro de SonFuturo materialízanse agora nun ciclo de concertos co obxectivo de mostrar ao público algúns dos moitos talentos que xurdiron nos últimos anos no seo das diferentes agrupacións que integran o proxecto”, explicou Fernández.

En concreto, celebraranse catro concertos no centro Ágora durante os meses de marzo e xuño. Serán os domingos 16 de marzo (corda), 13 de abril (violín), 25 de maio (oboe e piano) e 8 de xuño (percusión) a cargo, nesta primeira edición, de 15 mozas, alumnos da Orquestra Nova da Sinfónica de Galicia (entre 16 e 22 anos) e da Orquestra de Nenos da Sinfónica de Galicia que, con 83 instrumentistas de corda, divídese en dúas agrupacións: instrumentistas entre 6 e 11 anos e instrumentistas entre 12 e 15 anos. “Trátase, en definitiva de dar a coñecer músicos moi novos, que xa destacan como futuras promesas, e ir democratizando a música clásica levándoa aos barrios e sacándoa do seu recinto habitual.

Todos os concertos serán ás 12.30 horas, cun formato dunha hora de concerto sen pausa. A entrada é gratuíta até completar aforamento.

“O principal obxectivo da iniciativa, e que se suma á filosofía da Concellaría, é o de dar unha oportunidade aos novos valores, visibilizando o seu talento, á vez que se sensibiliza e fideliza ao público máis jóven”, destacou a concelleira, quen lembrou que o proxecto SonFuturo aglutina outras actividades educativas e formativas da Orquestra Sinfónica de Galicia xa que, ademais de impulsar a formación de novos artistas a través da Orquestra de Nenos, a Orquestra Nova, os Nenos Cantores e o Coro Novo; organízase programas didácticos específicos para penetrarse no coñecemento da música e da súa historia como os Concertos Didácticos e os Concertos en Familia: “Precisamente estas dúas iniciativas son as que deron comezo, en 1994, ao programa educativo da OSG que, no seu vinte anos de vida, achegou a decenas de miles de nenos e novos, a ópera, o ballet, a música sinfónica e a de cámara”, concluíu Fernández, quen lembrou que o proxecto conta co patrocinio da Fundación Repsol desde o ano 2013.

11 de marzo de 2014 | 20:12 • Sen comentarios

Comentarios pechados.