Santiago perdeu 400 empregos femininos durante o pasado 2013
Só no Concello de Santiago, no último ano perdéronse 400 empregos femininos, mentres que se crearon 1.000 masculinos no mesmo período, segundo datos da Enquisa de Poboación Activa (EPA) destacados por CC.OO., que fala de 2013 como “ano negro” para as traballadoras da comarca.
En rolda de prensa, a unión intercomarcal Santiago-Barbanza de Comisións presentou o informe ‘As políticas de austeridade e a reforma laboral provocan un intolerable retroceso na igualdade’.
Neste escenario, o sindicato chama a participar na marcha convocada este sábado 8, día internacional da muller traballadora, na capital galega. Baixo a lema ‘Cos nosos dereitos non se xoga!’, a marcha sairá ás 11.00 horas desde a Praza da Concordia, en San Lázaro, e, previo paso pola sede dos xulgados en Fontiñas, finalizará na Praza do Obradoiro.
Xa o domingo, día 9, Comisións participará na manifestación que convoca a Plataforma Galega polo Dereito ao Aborto, con saída ás 12,00 horas na estación de tren.
DATOS “DEMOLEDORES”
No seu estudo, a organización denuncia que na comarca Santiago-Barbanza hai ao redor de 17.700 desempregadas inscritas nas oficinas do servizo público de emprego, un dato que a responsable comarcal da muller, Patricia Mariño, cualificou de “demoledor”.
Neste sentido, advertiu de que a situación se agrava porque o 45 por cento delas, é dicir, 8.000 mulleres, son paradas de longa duración”.
O paro incumbe a mulleres de todas as profesións e idades, segundo CC.OO. Así, sinala a máis de 3.000 paradas menores de 30 e unhas 4.700 maiores de 50, “unha idade en que, cos criterios de discriminación por idade e sexo que dominan a cultura empresarial deste país, están en risco real de non volver traballar”, alertou Mariño.











