Santiago acolle a mostra ‘Peregrinatio. O Camiño de San Francisco a Santiago’ na Igrexa da Universidade

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaSantiago de Compostela
A-
A+
Inauguración da mostra. Foto: C. Paz

Inauguración da mostra. Foto: C. Paz

Desde hoxe pode visitarse en Santiago de Compostela a exposición Peregrinatio. O Camiño de San Francisco a Santiago, que se exhibiu por primeira vez no pasado mes de decembro na localidade francesa de Narbona, no marco da conmemoración do VIII Centenario da Peregrinación de San Francisco de Asís a Santiago.

O xerente da S.A. de Xestión do Plan Xacobeo, Rafael Sánchez Bargiela, e o comisario da mostra, Francisco Singul, acompañados polo fotógrafo Manuel Valcárcel, realizaron hoxe unha presentación, antes do acto inaugural da exposición que terá lugar ás 20.00 horas. Sánchez Bargiela destacou a aposta de Turismo de Galicia e do Xacobeo polos novos valores da arte en Galicia e pola estética contemporánea e os novos enfoques nos proxectos expositivos. Ao tempo, incidiu en que unha copia desta mostra realiza una itinerancia pararela, podendo verse neste momento na cidade de León, e que continuará expoñéndose noutras cidades de Castela e León nos vindeiros meses, como parte das actividades deste VIII Centenario.

O comisario da mostra, o técnico do Xacobeo, Francisco Singul, resaltou que non se trata dunha reportaxe fotográfica senón dunha recompilación de espazos evocadores, que resaltan o encontro permanente do Camiño coa natureza e a presenza da paisaxe e da contorna natural na traxectoria e na vida de San Francisco.

A mostra, que poderá verse ata o 29 de maio, componse de 50 fotografías e un audiovisual de 10 minutos de duración da autoría dos artistas de Monforte de Lemos Manuel Valcárcel, fotógrafo, e Alexandre González, músico.

A exposición conta tamén con música orixinal e é o froito da viaxe de ambos os artistas galegos a través das rutas xacobeas. É unha viaxe contemporánea realizada co propósito de impregnarse, cos cinco sentidos alerta, na intimidade duns lugares históricos que forman parte substancial da nosa memoria cultural.
A mostra reflicte unha viaxe por Italia, o sur de Francia, o norte de España e a Galicia xacobea seguindo a ruta que fixo San Francisco de Asís no ano 1214 ata Compostela, nunha peregrinación moi particular na que ambos os artistas se amosan atentos á tradición cultural e á sensibilidade relixiosa que impregnan os lugares e os camiños, destacando realidades a veces silenciadas, denunciando co seu enfoque situacións e circunstancias que afectan ás poboacións próximas aos itinerarios de peregrinación.

É unha exposición, en suma, que amosa a pluralidade e riqueza dunha Europa vertebrada polos itinerarios a Santiago de Compostela e que, sen dúbida, non deixa indiferente a ninguén ao ensinar ao público o Camiño de Santiago como Primeiro Itinerario Cultural de Europa que constitúe unha das grandes riquezas comúns a todos os europeos e que abrangue o patrimonio cultural e moral de Occidente e de toda a Humanidade ao ser unha ruta milenaria transitada por millóns de persoas desde a Idade Media ata a actualidade.

O VIII Centenario da peregrinación de San Francisco de Asís a Santiago recolle un amplo calendario de actos e eventos con Galicia e o Camiño de Santiago como eixe de referencia e ten acadado a consideración de Acontecemento de Especial Interese, polo que as empresas e entidades participantes poden obter beneficios fiscais.

20 de marzo de 2014 | 19:57 • Sen comentarios

Comentarios pechados.