San Sadurniño estuda a posibilidade de abrir os xardíns do Pazo aos viveiros locais de planta ornamental
San Sadurniño conta nestes momentos con catro empresas centradas no cultivo de flor ou planta ornamental. O Concello baralla a posibilidade de que estes viveiros poidan dispor dun espazo permanente nos xardíns do Pazo da Marquesa no que mostrar a calidade da súa produción. A idea vén sendo unha adaptación a pequena escala do festival internacional de xardíns que se celebra en Allariz desde hai catro anos. O seu alcalde, Francisco Rodríguez, visitou este venres San Sadurniño e achegou a experiencia da vila ourensá para ver de que maneira se podería facer algo parecido nos xardíns municipais.
O Festival Internacional de Xardíns de Allariz é un concurso de paisaxismo no que participan propostas chegadas de todo o mundo. Cada ano elixen un tema principal e dan varios meses para preparar e presentar os proxectos que se executarán ao ano seguinte. Para este ano hai preto de 50 deseños que optan a ocupar alguna das 12 parcelas distribuídas polas ribeiras urbanas do río Arnoia. As zonas axardinadas permanecerán instaladas ata o outono e o xardín gañador quedará dun ano para outro.
A iniciativa de Allariz reivindica os espazos verdes como factor esencial da calidade de vida, ao tempo que busca poñer en valor o medio rural. O alcalde da vila, Francisco Rodríguez, encóntrase nestes momentos preparando a edición de 2014 do festival e por iso estivo en San Sadurniño este venres. Visitou os viveiros de Vivergal en Santa Mariña do Monte para coñecer o proceso produtivo que converteu esta empresa nunha das máis importantes do sector en todo o Estado.
Na visita, Rodríguez estivo acompañado por Secundino García e polo técnico de Desenvolvemento Local, Ignacio Fernández. De feito, San Sadurniño ten en mente trasladar parte da idea de Allariz aos xardíns do Pazo da Marquesa. De momento é só iso, unha idea. Pero unha idea que se quere levar á práctica coa implicación de Vivergal, de Flor Galicia, Herbas de Caaveiro e Viveiros Horjales (A Casa da Planta).
A cousa é sinxela: poñer á súa disposición parcelas dos xardíns municipais para que cada empresa leve a cabo un pequeno proxecto paisaxístico en coordenación coas demais. Así cada viveiro disporía dunha exposición do seu produto en forma de xardín vivo e permanente coa vantaxe de telo situado no centro urbano e enmarcado nun conxunto histórico aberto ao público. Pola súa banda, o Concello disporía dun xardín con máis diversidade de planta e tamén de máis colorido durante a primavera. “É unha proposta simple e barata da que se poden beneficiar os viveiros, o Concello e a cidadanía. Ademais, tamén é un xeito novidoso de dinamizar unha actividade local”, asegurou Secundino García.
Vivergal mostrou xa o seu interese pola proposta e agora o Concello quere madurala ben para presentárllela ao resto de empresas locais produtoras de planta. Con todo, a intención municipal é botar a andar “o antes posible” e, se se obtén un resultado satisfactorio, estender a proposta a outras zonas públicas.











