San Sadurniño e o Consorcio Galego de Igualdade e Benestar manteñen un encontro para falar da escola infantil

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSan Sadurniño
A-
A+

Secundino García e maila titular da área de Benestar, María Muíño, reuníronse este martes en Santiago co xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar para intercambiar impresións sobre unha posible integración da futura escola infantil de San Sadurniño dentro da rede “A Galiña azul”. A xuntanza -que durou arredor de 45 minutos- foi unha primeira toma de contacto na que se obtivo o compromiso por parte da xerencia do consorcio de estudar a proposta de cara ao curso 2015-2016. Un compromiso que, a xuízo dos representantes do goberno local, non ofrece suficientes garantías.

O centro educativo situarase na planta baixa do edificio anexo ao Pazo da Marquesa e terá capacidade para atender 40 nenos e nenas de 0 a 3 anos. A estrutura está feita e agora só faltan as obras de acondicionamento interior, pendentes da sinatura dun convenio coa Deputación da Coruña. A concelleira de Benestar explicou que o obxectivo prioritario do Concello é “poder abrir a escola o antes posible, dentro do ano académico 2014-2015”, aínda que puntualizou que o cumprimento deste obxectivo está suxeito a como evolucionen os prazos de contratación e de execución das obras.

O Concello reuniuse co Consorcio para ofrecerlle a xestión da escola infantil. Porén, o xerente deste organismo rexeitou a posibilidade de asumir esa xestión no próximo ano académico. Segundo os representantes municipais Roberto Rodríguez si se tería comprometido a estudar a integración da escola de San Sadurniño na rede pública para o curso que comeza a finais de 2015.

O prazo non cadra coas pretensións do executivo local, que mantén a intención de ter operativa a escola infantil ao longo do curso que comeza en setembro. “San Sadurniño non pode estar agardando sine die unha resposta concreta e en firme por parte da Xunta. O Consorcio non vai participar na xestión da escola para o curso que entra e tampouco temos garantías de que vaia facelo en 2015. Polo tanto, e se non hai un cambio de postura a curto prazo, desde o Concello teremos que buscar unha solución alternativa”, asegurou Secundino García. A falta de estudar outras posibles opcións, para o alcalde a alternativa pasaría por unha concesión administrativa.

Pola súa banda, a concelleira de Benestar, María Muíño, destacou “a ubicación estratéxica de San Sadurniño” para poñer en marcha un servizo de conciliación “tan necesario na zona”, do que se beneficiarían as familias do municipio e tamén as doutros territorios próximos como Doso, Pedroso, Moeche, As Somozas e mesmo Cerdido.

12 de marzo de 2014 | 18:08 • Sen comentarios

Comentarios pechados.