San Sadurniño destina 81.000 euros en axudas para cultura e deporte e para bolsas escolares

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSan Sadurniño
A-
A+

Desde o venres 14 de marzo está aberto o prazo para que as entidades culturais e deportivas do concello soliciten as axudas ao finanzamento das actividades que desenvolvan ao longo do 2014. As axudas abranguen tamén o mantemento das instalacións daquelas asociacións que dispoñan de local en propiedade. Ademais, as familias tamén poden tramitar desde xa as axudas para os estudos dos seus fillos e fillas ou para servizos de conciliación. O montante total destinado polo Concello a axudas en 2014 ascende a 81.000 euros entre subvencións e convenios.

As bases para a concesión destas axudas aprobáronse en pleno coa unanimidade dos tres grupos políticos con representación municipal. Todas elas están publicadas no Boletín Oficial da Provincia do pasado 13 de marzo, e poden descargarse en pdf ou ben consultalas directamente en html.

No tocante a actividades culturais destinarase un montante total de 16.500 euros divididos en tres partidas: 11.500 para actividades, 2.000 para mantemento e infraestrutura das entidades con local propio ou en alugueiro e, por último, 3.000 euros para as comisións de festas cun tope máximo de 300 euros. Nesta partida non se inclúe o convenio de 1.000 euros coa AGFA do Eume para o mantemento da horta de froiteiras autóctonas nin tampouco o que se suscribirá en breve coa ANPA do colexio público por importe de 4.000 euros para axudarlles coas actividades extraescolares.

Este ano as bases de cultura simplifícanse en canto á xustificación de gastos para actividade, tal e como solicitaron as propias asociacións na última xuntanza do Consello de Participación Veciñal. As entidades terán que presentar unha memoria valorada de todas as actividades previstas para este ano que despois serán avaliadas de acordo con 11 criterios de puntuación acumulativa. Como novidade incorpórase a posibilidade de obter ata 1,5 puntos por accións dirixidas a promocionar a igualdade entre mulleres e homes.

A xustificación das axudas concedidas deberá presentarse antes do 30 de novembro, aínda que hai posibilidade de solicitar unha prórroga no caso de que as actividades programadas sexan posteriores a esa data. Outra novidade será a contía que cumprirá xustificar para obter a subvención para actividades. Este ano as entidades terán que presentar facturas oficiais que sumen o total da cantidade concedida máis o 20% do importe total que se solicitou como axuda. É dicir, se unha entidade presentou un programa valorado en 10.000 euros e recibe unha subvención de 1.000, terá que xustificar un total de 3.000 euros (os 1.000 concedidos e 2.000 máis correspondentes ao 20% de 10.000 euros).

O prazo de solicitude para as axudas é de 30 días contados desde o día seguinte á publicación das bases no BOP. Botando contas danos que o último día para presentar a documentación esixida é o 14 de abril. Porén, as comisións de festas teñen o prazo aberto durante todo o ano aínda que, iso si, deberán presentar a solicitude como moi tarde un mes antes da celebración do evento.

Axudas para Deportes

No caso das axudas a entidades deportivas o importe global é de 5.500 euros, aínda que cómpre ter en conta que entidades como o Aldebarán de volei, o C.F. San Sadurniño e o Clube ciclista Biela e Chaveta percibirán en total outros 34.000 euros a través de convenios para o mantemento de escolas municipais e para apoio técnico en eventos organizados polo Concello.

Segundo as bases serán subvencionables os gastos correntes de funcionamento e a participación en campionatos deportivos, tales como fichas, desprazamentos, arbitraxes, rehabilitación de lesións, compra de material, etc. agás a merca de bens inmobles ou inventariables e os que teñan a consideración de investimentos (ordenadores, vehículos, maquinaria, etc.).

Os criterios para a concesión das axudas valorarán o número de fichas, o número de categorías, a titulariedade de instalacións, a aplicación práctica da igualdade de xénero -presenza feminina entre deportistas, equipo técnico e cargos directivos- e a colaboración co Concello no desenvolvemento de actividades municipais.

As axudas para Deportes poderán solicitarse ata o 14 de abril e a xustificación deberá presentarse, como moi tarde, o 30 de novembro a menos que se pedise formalmente unha prórroga. As entidades terán que xustificar con facturas oficiais polo menos o importe da subvención concedida.

Bolsas de estudo

O capítulo das axudas ás familias en forma de bolsas de estudo e subvencións para servizos de conciliación ascende a 20.000 euros, dos que 2.000 se reservan para posibles casos de emerxencia social. Esta cantidade distribuirase en tres apartados: estudos obrigatorios -infantil, primaria e secundaria-, estudos postobrigatorios -bacharelatos, ciclos formativos e universitarios- e, por último, no destinado a cubrir parte dos gastos de asistencia dos nenos e nenas de 0 a 3 anos a calquera servizo que axude a conciliar a vida familiar e laboral.

Para os estudos obrigatorios e postobrigatorios resérvanse 15.000 euros. No primeiro caso a axuda poderá ser de ata 200 euros por neno ou nena sempre que a unidade familiar non supere os 6.000 euros de renda anual e só no caso en que estean escolarizados en San Sadurniño.

No segundo caso, o de estudos postobrigatorios, a renda familiar máxima está marcada en 18.000 euros/ano e a axuda pode chegar ata os 600 euros por solicitude, habida conta de que en San Sadurniño non se imparten este tipo de ensinanzas e, polo tanto, o alumnado ten que desprazarse fóra do concello.

Para o cálculo da contía da bolsa nos estudos básicos valoraranse os tramos de renda da unidade familiar -máis puntos canto menos renda-, mentres que na avaliación das bolsas para estudos postobrigatorios ademais da renda tamén se valorará o expediente académico do mozo ou moza para o que se solicite a axuda.O prazo para solicitar as bolsas para estudos remata o 14 de abril.

Por outra banda as axudas para servizos de conciliación contarán cunha reserva orzamentaria de 3.000 euros. Están dirixidas a familias cunha renda que non supere os 22.000 euros anuais e que boten man de garderías ou servizos de atención á infancia en idades comprendidas entre os 0 e os 3 anos.

A contía da bolsa será do 50% dos gastos xustificados cun importe máximo de 300 euros por fillo ou filla inscrito nalgún destes servizos. Neste caso o prazo para presentar as solicitudes estará aberto ata o 15 de novembro.

Entre subvencións e convenios, o Concello de San Sadurniño achegará ás entidades e ás familias un total de 81.000 euros -87.000 se temos en conta a reserva para facer fronte ao copagamento e a axudas de emerxencia-. O alcalde, Secundino García, destacou “o mantemento do nivel de axudas a pesar da crise” e especialmente a partida de 20.000 euros destinada a bolsas de estudo e servizos de conciliación. A este respecto García asegurou que San Sadurniño “é o concello galego que máis inviste por habitante en axudarlles ás familias cos custos da educación dos seus fillos e fillas” .

17 de marzo de 2014 | 18:59 • Sen comentarios

Comentarios pechados.