San Sadurniño conmemora o Día Internacional da Muller o 29 de marzo
Co gallo do Día Internacional da Muller, a Área de Educación e Igualdade organizará un acto central no Pazo da Marquesa programado para a última fin de semana de marzo. Este ano aproveitarase a data para realizar a presentación oficial do proxecto “Fálame de San Sadurniño” e do II Plan de Igualdade de Oportunidades entre Mulleres e Homes. Dúas iniciativas que poñen de relevancia a participación da muller nos distintos ámbitos da sociedade e afianzan a aposta municipal pola igualdade de oportunidades entrámbolos xéneros.
Durante o acto ofrecerase unha mostra en directo de diferentes experiencias incluídas no proxecto falamedesansadurnino.org. Varias mulleres contarán as súas vivencias tomando como punto de partida unha imaxe do seu álbum familiar. Trátase de breves intervencións que son a un tempo representativas da historia recente do municipio e tamén do papel da muller no pasado e no presente.
Por outra banda, o acto conmemorativo do Día Internacional da Muller tamén servirá para darlle máis difusión ao II PIOMH de San Sadurniño. Trátase dun documento que vai máis aló dunha simple declaración de intencións, xa que está deseñado como un plan de acción estruturado e de obrigado cumprimento para todos os departamentos municipais. Ademais, o II PIOMH é tamén unha guía de boas prácticas para o resto da sociedade a través da que todos e todas nós podemos converter en realidade, ben sexa na vida diaria ou a través das asociacións e entidades nas que participemos.
O acto será aberto a toda a poboación e terá lugar no Pazo da Marquesa o sábado 29 de marzo, a partir das 19.30 horas.
Entrega de premios do I Certame “Fotografía e igualdade”
Ese día tamén se entregarán os premios do certame fotográfico posto en marcha pola asociación ARTElladas hai uns días. O obxectivo do concurso é reflectir calquera realidade da vida diaria que transmita a idea de igualdade de oportunidades entre mulleres e homes nos distintos ámbitos da sociedade.
Hai dúas categorías: infantil-xuvenil e de persoas adultas. Os premios son un marco de fotos dixital para quen gañe na categoría infantil-xuvenil e un disco duro externo na categoría de persoas adultas. O prazo de presentación de fotografías remata o próximo sábado 22 de marzo. As obras enviaranse por correo electrónico ao enderezo artelladas@gmail.com. Deberán ser arquivos en formato JPG, cun tamaño mínimo de 1.024 x 1.024 píxeles. O peso do arquivo non debe superar dun máximo de 5 Mb.
O xurado está composto por dous profesionais da igualdade e da fotografía e tamén por un xurado popular que votará desde o 23 de marzo a través da páxina oficial de ARTElladas en facebook.











